Galiza supera os 600 falecementos en dous meses de pandemia

UCI (Europa press)

Os casos activos continúan a diminuír e o número de persoas curadas está xa por riba das 8.000.

Galiza superou as 600 vítimas mortais por mor o coronavirus, unha cifra que se supera cando se fan dous meses da aprobación do estado de alarma. Unha media de 10 falecementos diarios durante estes 60 días de pandemia, se ben esa cifra reduciuse notabelmente nos últimos días.

O número de casos activos na Galiza continúa a reducirse. Son actualmente 2.074, o que supón 105 menos que na xornada de onte e, de compararmos coa segunda feira, ese descenso foi de 557. Baixan os casos activos e tamén baixa o número de persoas hospitalizadas mentres aumenta o de persoas curadas da COVID-19.

Os datos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, dese número de casos activos de coronavirus na Galiza 516 son da área da Coruña, 117 da de Lugo, 321 da de Ourense, 108 da de Pontevedra, 512 da área de Vigo, 424 da de Santiago, e 76 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 21 permanecen en UCI (1 menos ca onte), 123 están en unidades de hospitalización (21 menos) e 1.930 no domicilio (eran 2.013 esta cuarta feira).

Polo de agora, na Galiza hai un total de 8.157 persoas curadas, rexistrándose 601 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 120.424, case 2.000 máis nestas últimas 24 horas.

Residencias de anciás

No que atinxe ás residencias de anciás, hai 385 casos activos, dos que 231 son de persoas usuarias mentres que 105 son de traballadoras e traballadores.

No que atinxe a falecementos, son 269: 132 en residencias e 137 en hospitais e residencias integradas.