Galiza supera os 300 hospitalizados pola Covid e mantén os contaxios por riba do milleiro

Campaña de vacinación en Vigo. (Foto: Europa Press).
Os casos activos aumentan nun centenar até os 18.885 mentres a taxa de positividade se mantén por riba de 10%.

As persoas hospitalizadas pola Covid-19 na Galiza aumentan a 302. Son 25 máis que a xornada anterior. Así, a presión asistencial matén unha tendencia á alza mentres a curva de contaxios comeza a caer.

Os novos positivos notificados polo Sergas nas últimas 24 horas segue por riba do millar mentres que os casos activos se achegan aos 19.000, malia crecer a un ritmo moito máis pausado.

Segundo os datos actualizados na mañá desta sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros de até as 18 horas desta quinta, as persoas ingresadas pola Covid en UCI ascenden a 36 -unha máis- e aumentan a 266 as que se atopan hospitalizadas noutras unidades -24 máis-. Un total de 18.583 permanecen no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria alivia na de Ourense mentres que aumenta nas da Coruña, Vigo, Santiago, Pontevedra e Lugo e se mantén na de Ferrol.

Casos activos

Os casos activos de Covid volven aumentar. Acumula 37 xornadas consecutivas de ascenso, mais o a ritmo de crecementode diminúe. A conta das infección activas aobe nun cento até as18.885. Con respecto a hai sete días, Galiza rexistra uns 3.700 casos activos máis 

Por áreas sanitarias, os casos activos descenden de novo na de Ourense (-112), que rexistra varios días consecutivos á baixa, e á que se suma a de Santiago (-38). Ascenden no resto: A Coruña (+110), Vigo (+63), Lugo (+31), Ferrol (+29) e Pontevedra (+26).

Por tanto, con máis casos activos continúa a área de Vigo, con 4.475; seguida da da Coruña, con 3.763; Pontevedra , con 3.031; Santiago, con 2.357; Lugo, con 2.212; Ourense, con 2.097, e Ferrol, con menos dun milleiro, con 950.

Máis de mil contaxios

Galiza chega a final de xullo por riba do milleiro de novos contaxios diarios, unha cota que mantén desde hai xa once xornadas. Segundo informa o Sergas, nas últimas 24 horas confirmou 1.223 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) que supoñen 110 máis que o día anterior, dos cales 289 corresponde á área de Vigo, 266 á da Coruña, 210 á de Pontevedra, 148 á de Lugo, 117 á de Santiago, 115 á de Ourense e 78 á de Ferrol.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 2.457 despois de notificar Sanidade dous novos falecementos.

Estas dúas mortes corresponden a dous homes contaxiados por Covid-19 con patoloxías previas. Un dos falecidos tiña 88 anos de idade e morreu no hospital Virxe dá Xunqueira de Cee. O outro, tiña 86 e faleceu no seu domicilio, tamén na área sanitaria da Coruña.

Vacinación

Doutra banda, máis de 1,9 millóns de galegos e galegas, dos máis de 2,4 millóns a inmunizar, contan con polo menos unha dose da vacina contra a Covid-19, deles 1.733.858 persoas xa teñen a pauta completa.