Galiza supera os 2.100 contaxiados no ensino e hai 44 aulas e 4 escolas infantís fechadas

O alumnado do IES Arcebispo Xelmírez I, en Compostela, accedendo ás aulas (Foto: Arxina).

Duplican o número de contaxios que había ao reiniciar as aulas após a parada de vacacións de Nadal.

Os contaxios aumentan tamén no ensino, ao igual que avanzan no conxunto da sociedade galega. Os últimos dados da Consellaría de Educación, correspondentes a esta terza feira, indican que o número de contaxios xa superan os 2.000.

Aquí podes consultar centro a centro a situación da Covid en todas as áreas sanitarias da Galiza. 

En concreto, hai 2.106 casos de coronavirus entre alumnado e profesorado,  ao que hai que engadir 44 aulas fechadas e tamén 4 escolas infantís: en Viveiro, Trives, Riós e Cuntis.

As áreas sanitarias máis atinxidas pola Covid no sistema educativo son as da Coruña e Vigo, as máis poboadas. Na primeira hai 540 positivos de alumnos e docentes e 16 aulas afectadas. Na viguesa as cifras son máis de 430 casos e fechadas 21 aulas.

13 aulas clausuradas e 371 casos é o escenario actual na área sanitaria de Santiago, mentres que na de Ourense é de 10 aulas fechadas e 253 contaxiados; e 206 casos e 8 aulas fechadas na de Pontevedra.

Na área de Ferrol hai 136 casos e 7 aulas fechadas.