Galiza supera os 2.000 casos da Covid-19 con seis falecementos nas pasadas xornadas

Test rápido de COVID-19 (David Zorrakino/EP).
A área sanitaria da Coruña suma máis da metade do total de casos.

Galiza superou este sábado a cifra dos 2.000 casos activos de coronavirus, cun total de 2.148. Nas tres pasadas xornadas seis persoas contaxiadas faleceron, tres delas residentes en centros de maiores. O número de persoas hospitalizadas ascende a 72, con nove ingresadas nunha Unidade de Coidados Intensivos (UCI).

Os datos achegados pola Consellaría de Sanidade amosan que a área sanitaria da Coruña e Cee, onde se manteñen medidas restritivas e se está a realizar un cribado de probas entre a veciñanza, segue a ser a máis afectada. 1.167 dos casos pertencen a esta área, máis da metade do total.

O resto de áreas sanitarias, agás a de Vigo, tamén medran en número de casos activos. Concretamente, a de Compostela e O Barbanza suma 172; con 42 casos activos máis; a de Lugo, 278, cun incremento de 24; a de Ourense, Verín e O Barco de Valedorras suma 278, con 24 máis; mentres que na de Ferrol hai 97 casos activos, con oito máis e na de Pontevedra e O Salnés, coa cifra máis baixa, o incremento de 11 casos deixa un total de 96. Na xornada de onte realizáronse 4.331 probas PCR para detectar o virus.

O falecemento de tres persoas maiores na área da Coruña, dúas mulleres ingresadas no hospital e un usuario da residencia Orpea de Culleredo, incrementan a 631 as mortes na Galiza relacionadas coa Covid-19.

Situación das residencias

As e os residentes e mais o persoal de residencias afectados pola enfermidade na Galiza son 85, un máis que na sexta feira. Entre eles, o Sergas indica que 67 son usuarios e usuarias de centros de maiores. O foco da residencia da Fundación San Rosendo no Incio, intervida pola Xunta da Galiza, mantense estábel con 57 maiores e oito profesionais contaxiados. En Culleredo permanecen dez persoas contaxiadas.

A maiores hai 8 profesionais contaxiados na residencia do Incio, catro na de Culleredo, un caso nas de Paradela, San Bartolmeu de Xove, DomusVi de Barra de Miño en Coles e DomusVi Lalín, respectivamente, e outro no centro para persoas con discapacidade As Flores, en Ourense.