Galiza supera os 18.000 casos activos mentres segue a aumentar a presión hospitalaria

Persoal sanitario xestiona varios viais da vacina de cara á súa administración. (Foto: Juan Manuel Serrano Arce / Europa Press).
Os datos do Sergas reflicten unha repunta dos contaxios diarios cunha taxa de positividade que se mantén por riba de 10%.

A evolución da Covid-19 na Galicia deixa novos incrementos nalgúns dos principais indicadores da pandemia. Os novos contaxios repuntan até os 1.300, mentres que os pacientes hospitalizados polo coronavirus aumentan a 266, oito máis, deles 30 en UCI. Os casos activos tamén soben e sobrepasan a barreira dos 18.000.

Segundo os datos actualizados na mañá desta terza feira pola Consellería de Sanidade con rexistros de até as 18 horas da segunda feira, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI soben a 30 -cinco máis- e ascenden a 236 as que se atopan noutras unidades -tres máis-. Un total de 17.795 pacientes permanecen no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en tres das sete: Vigo, Lugo e Ferrol; mantense nas da Coruña e Santiago e alivia lixeiramente nas de Ourense e Pontevedra.

Casos activos

En canto aos casos activos, Galiza suma 34 xornadas consecutivas de aumento para situarse en 18.061, 763 máis que o día anterior, ao se rexistraren mais novos positivos (1.300) que altas (534) mais óbitos (3).

Con respecto a hai sete días, Galiza rexistra unhas 6.000 infeccións activas máis. No que vai de semana, acumula máis contaxios que nos mesmos días da semana anterior, cunha media de 1340 novos positivos diarios.

Por áreas sanitarias, os casos activos volven descender unicamente na de Ourense (-18), mentres que se incrementan nas de Vigo (+283), A Coruña  (+203), Lugo (+119), Pontevedra (+84), Santiago (+61) e Ferrol (+31).

Así, con máis casos activos mantense a área de Vigo, 4.348; seguida da Coruña, con 3.324; Pontevedra, con 3.024; Santiago, con 2.274; Ourense, con 2.257; Lugo, con 2.000, e Ferrol, con 834.

Contaxios diarios

Os novos contaxios de Covid mantéñense desde hai unha semana por riba do millerio. Segundo o último balance de sanidade, ascenden a 1.300, cunha taxa de positividade (por riba de 10%) que segue a superar por moito o 5% fixado pola Organización Mundial da saúde para dar por controlada a pandemia.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 2.452 tras notificar  Sanidade tres novas vítimas.

En concreto, estes  óbitos corresponden a tres mulleres maiores que foran contaxiadas polo coronavirus e que presentaban patoloxías previas. Trátase dunha muller de 82 anos de idade, morreu a pasada sexta feira no complexo hospitalario de Ferrol.

Ao día seguinte faleceu tamén no CHUF outra muller de 94 anos de idade e este domingo morreu outra muller de 88 anos de idade no Hospital de Verín.

Evolución da quinta vaga

Así, o progreso desta quinta vaga, malia presnetar un impacto diferente, mantén un patrón común ás anteriores. Tras multiplicarse os contaxios comeza a crecer a presión hospitaliar e tamén o número de persoas falecidas.

A incidencia acumulada modera o seu crecemento e segue aser moi superior entre o grupo de persoas de entre 20 e 29 anos que hoxe se suma á vacinación masiva contra a Covid. Galiza presenta o terceiro dato máis levedado do estado nesta franxa con máis de 2.500 casos por 100.000 habitantes.