Galiza supera os 16.250 casos activos de Covid tras outro milleiro de contaxios

Baixan a 283 as persoas ingresadas en hospitais. 

Os casos activos de Covid-19 en Galiza seguen en aumento na semana de Nadal e sitúanse nos 16.253 despois doutros 1.038 novos contaxios -293 menos que o día pasado-, mentres que se alivia a presión hospitalaria ao descender a 283 os hospitalizados por este coronavirus -nove menos-. Pola súa banda, a taxa de positividade baixa ao 11,96%.

Segundo os datos publicados na mañá desta terza feiras pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda, descenden a 50 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 en Galiza -unha menos- e baixan a 233 as hospitalizadas noutras unidades -oito menos-, mentres que 15.970 pacientes permanecen en seguimento nos seus domicilios.

A presión hospitalaria aumenta soamente na área da Coruña e Cee, que conta con sete ingresados en UCI pola Covid -un máis- e 33 noutras unidades -seis máis-; alíviase en tres: Vigo, Pontevedra-O Salnés e Lugo; e mantense nas de Ourense, Ferrol e Santiago-Barbanza.

Os casos activos seguen en aumento a poucos días das celebracións do Nadal e sitúanse en 16.253, que supoñen 397 máis que no inicio da semana de Nadal ao haber máis contaxios (1.038) que altas (636), ao que se engaden varios falecementos. A terza feira da semana pasada -14 de decembro- as infeccións sumaban 12.692.

As infeccións activas ascenden en seis do sete áreas sanitarias galegas, coa da Coruña e Cee á cabeza (+158), seguida da de Santiago e Barbanza (+99), Vigo (+71), Lugo (+38), Pontevedra e O Salnés (+34) e Ferrol (+32); mentres que descenden de novo na de Ourense (-35).

Segundo os último datos actualizados polo Ministerio de Sanidad na tarde desta pasada segunda feira, 20 de decembro, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 567,06 casos por 100.000 habitantes, polo que se sitúa a incidencia por baixo da media do Estado, que está en 609,38.

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense por riba do milleiro, mais cun descenso con respecto á xornada anterior, ao situarse nos 1.038, que implican 293 menos que os 1.331 cos que comezou a semana de Nadal. O domingo pasado rexistrouse a cifra máis alta do que vai de sexta vaga, con 1.357. A terza feira anterior -14 de decembro- notificáronse 873.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, descende ao 11,96%o, tras comezar esta semana cun repunte ao 18,7%. Por tanto, segue por riba do limiar de 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia en toda Gaza ascenden a 2.730, ao notificar esta segunda feira a Conselaría de Sanidade oito novas vítimas.

En concreto, estes falecidos, cuxas idades estaban comprendidas entre os 77 e os 89 anos, presentaban patoloxías previas. Ademais das mortes comunicadas durante esta fin de semana, este sábado faleceron dous homes de 60 e 89 anos no Hospital Povisa de Vigo.