Galiza supera os 12.000 casos activos após máis de mil novos contaxios, con 292 persoas hospitalizadas

Aumentan os ingresos en UCI. (Foto: Santi Alvite).
Os enfermos ingresados en UCI soben a 49, mentres os ingresos en 'planta' ascenden a 243.

A evolución da pandemia de Covid en Galiza segue sumando casos nesta sexta vaga e, após máis de mil novos contaxios, hai 12.221 persoas coa enfermidade activa, das que 292 permanecen hospitalizadas (49 en Unidades de Coidados Intensivos), e outras 11.929 recupéranse nos seus domicilios.

Así se reflicte no informe feito público esta segunda feira pola Consellaría de Sanidade, con datos recollidos até as 18 horas do domingo, e no que figuran 12.221 casos activos de Covid-19, 569 máis que o día anterior.

Segundo o devandito informe, nas últimas 24 horas rexistráronse 1.070 contaxios novos, e os casos activos incrementáronse en todas as áreas sanitarias. Así, a área de Vigo segue á cabeza con 3.885 persoas enfermas (154 máis) e, nas últimas 24 horas, notificáronse 298 contaxios novos; Ourense, Verín e Barco de Valdeorras rexistra 2.708 casos activos de Covid (51 máis), após 212 novos contaxios; séguelle a área de Pontevedra-O Salnés, con 1.858 casos activos 162 máis) e 205 novos contaxios.

Os casos activos aumentaron en todas as áreas sanitarias.¡

A presión hospitalaria tamén se incrementou nas últimas horas, con 18 persoas máis ingresadas en unidades convencionais, até un total de 243. Nas Unidades de Coidados Intensivos hai 49 enfermos, un máis que hai un día. O maior incremento na presión produciuse na área sanitaria de Vigo, que pasou de ter 75 pacientes ingresados en 'planta' a contar con 90, o que supón 15 enfermos máis.

O resto de cambios nos ingresos en 'planta' correspóndense ás áreas da Coruña (3 persoas máis en unidades convencionais), Lugo (un máis), e Santiago (2 máis); mentres que reduciron os seus pacientes en 'planta' as áreas de Ourense (2 menos) e Ferrol (un menos).

Faleceron con Covid 2.699 persoas. O último deceso comunicado polo Sergas foi o dun home de 93 anos de idade, que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHOU) e que presentaba patoloxías previas.

Segundo os datos facilitados esta segunda feira por Sanidade, o índice de positividad nas probas PCR (o número de casos positivos por cada 100 probas realizadas) situouse nas últimas horas no 14,8%. Moi por riba do 5 por cento que a OMS fixa como limiar para dar a pandemia por controlada.