Galiza súmase á xornada internacional contra o TTIP

[Imaxes Stop TTIP Amsterdam]

A CIG convoca mobilizacións nas cidades, agás Vigo, contra o tratado de libre comercio entre os EUA e a UE. Serán o 17 de outubro.

 


Este sábado (17 de outubro) a Confederación Intersindical Galega (CIG) convoca mobilizacións nas cidades galegas --agás Vigo-- con motivo da xornada internacional contra o TTIP. 

Desde a central sindical nacionalista queren amosar o seu "rexeitamento" ao tratado de libre comercio que están a negociar os EUA e a Comisión europea desde 2013. Porén, tamén denunciarán o acordo alcanzado con Canadá. 

As concentracións, que decorrerán baixo o lema 'Nen CETA con Canadá, nen TTIP con Estados Unidos', terán lugar ás 12h perante a Delegación do Goberno español da Coruña, na Praza de Armas (Ferrol), na Praza de Galiza (Compostela), na Praza Maior (Lugo), na Subdelegación do Goberno (Ourense), na Praza da Peregrina (Pontevedra) e na Praza de Galiza (Vilagarcía)

Desde a CIG denuncian que estes acordos "non son tratados comerciais aínda que os disfracen así", pois "os aranceis dos intercambios comerciais entre a Unión Europea, os Estados Unidos e Canadá foron eliminados para a inmensa maioría dos produtos ou, cando existen, son extremadamente reducidos". Pola contra, afirman, "o obxectivo real é a eliminación de calquera impedimento aos investimentos das empresas transnacionais, suprimindo os controis e as condicións derivados das lexislacións nacionais". 

CIG: "O obxectivo real é a eliminación de calquera impedimento aos investimentos das empresas transnacionais"

Asemade, "todos eles se negocian secretamente desde hai anos por “técnicos” descoñecidos que só dan contas aos gobernos ou á Comisión Europea. Nin os parlamentos, nin os cidadáns e cidadás coñecen os contidos concretos das negociacións", aliás, "entran en vigar con cláusulas segredas" o que impide coñecer parte do seu contido mesmo despois da súa entrada en vigor.

Neste senso, a CIG advirte da redución da "soberanía nacional" dos estados asinantes en favor dos "intereses económicos dos grupos empresariais" o que se agrava para territorios como Galiza cuxa "capacidade de intervención na economía e na sociedade" se verá "máis limitada" , "agravando aínda máis a nosa dependencia de Madrid e Bruxelas", din. 

EUA toma distancia

As mobilizacións prodúcense no marco dun arrefriamento das negociacións. E é que a sinatura entre Xapón e EUA do acordo de libre comercio para o Pacífico (TPP, nas súas siglas en inglés) semella afastar a administración Obama de Bruxelas. Coas eleccións ao Congreso e o Senado no albo e as dificultades para conseguir apoios entre o Partido Demócrata para a sinatura do TPP, o presidente dos EUA estaría a aparcar, cando menos como prioridade, o TTIP. 

Así as cousas, desde Bruxelas érguense voces diversas. Mentres o secretario de estado francés para o Comercio exterior Matthias Fekl, advirte que o seu país podería "parar" as negociacións perante a "ausencia de transparencia", o responsábel comunitario encargado da elaboración dun informe favorábel presentado no Parlamento europeo, o socialdemócrata belga, Bernd Lange, aseguraba que "Europa está pronta para negociar e a Eurocámara puxo por diante unha cobizosa ollada mais comprensiva que permita sacar este acordo. Mais para bailar un tango precísanse dúas persoas". 

Entrementres, as mobilizacións populares espállanse por toda a UE amosando o rexeitamento social a un acordo trasatlántico co que "a privatización será practicamente total" atinxindo "todas as actividades industriais , comerciais e de servizos", advirten desde a CIG.