Galiza súmase á xornada internacional contra o Tratado de libre comercio. 462.000 persoas viven no noso país en “territorios libres de TTIP”

TTIP

Varias cidades galegas acollerán manifestacións e accións no marco dunha xornada global de rexeitamento a eses acordos. En Galiza son 18 os concellos que aprobaron mocións contra este tratado.

O 15 de outubro hai convocada unha xornada global de protesto a rexeitamento contra o TTIP e outros acordos que se están a negociar, como CETA e TISA, aos que se sinala como portas abertas a desregulación e perda de dereitos laborais e sociais. Galiza tamén vai estar presente nas mobilizacións do día 15. Hai unha manifestación unitaria en Vigo, que partirá ás 19:00 horas desde Vía Norte. Tamén se convocaron concentracións en diferentes cidades galegas por parte de diferentes organizacións e colectivos, como CIG ou a plataforma das Marchas da Dignidade, entre outras.

En Galiza xa son 18 os concellos galegos que aprobaron mocións contra o tratado e se declararon “territorios libres de TTIP”, a gran parte deles durante o presente 2016. En total estes municipios suman máis de 460.000 habitantes, o que supón o 17% da poboación galega. Hai concellos gobernados polo BNG (Pontevedra, Rianxo ou Allariz), polas candidaturas municipalistas ou marés (Compostela, Manzaneda...), o PSdeG (Lugo, O Barco..) ou mesmo o PP (Folgoso do Courel, onde goberna por maioría absoluta. A súa abstención permitiu aprobar a moción presentada por Courel Vivo).

A decisión de se declarar contrarios ao TTIP deriva de mocións presentadas quer por grupos con representación ou tamén a través de iniciativas veciñais. En todas elas se incide na crítica do escurantismo co que se negocia un texto que vai afectar directamente á vida das persoas, así como sobre o impacto económico, social e ambiental das medidas que contempla e que saíron á luz pública a través de filtracións.