Galiza suma 33 xornadas consecutivas de aumento dos casos activos, que xa superan os 17.000

Persoas agardando após recibir a vacina en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)

Aumentan a 258 os hospitalizados pola Covid, 31 máis, e descenden os novos contaxios a 1.115.

Galiza inicia a derradeira semana deste mes de xullo cun incremento da presión hospitalaria ao aumentar a 258 os pacientes hospitalizados, que supoñen 31 máis que o día anterior, mais cun lixeiro descenso dos novos contaxios a 1.115, que implican 255 menos que na xornada pasada. Os casos activos soben até os 17.298 e a taxa de positividade repunta a un 15%.

Segundo os datos actualizados na mañá desta segunda feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros de até as 18,00 horas do domingo, recollidos por Europa Press, as persoas ingresadas pola Covid-19 en UCI aumentan a 25, tres máis, e a 233 as que se atopan noutras unidades,28 máis, mentres que 17.040 pacientes permanecen no seu domicilio.

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense desde a pasada terza feira por riba do milleiro, aínda que se reduciron con respecto á xornada pasada 

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en especial nas da Coruña e Cee; Vigo; Ourense e Lugo; e en menor medida na de Santiago e Barbanza, mentres que se alivia lixeiramente nas de Ferrol e Pontevedra e O Salnés.

Galiza suma xa 33 xornadas consecutivas de aumento dos casos activos que ascenden a 17.298, que supoñen 6.200 máis que hai unha semana, ao haber de novo máis contaxios (1.115) que altas (570). Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden unicamente na de Ourense (-86), mentres que aumentan nas de Vigo (+150), a Coruña e Cee (+135), Lugo (+120), Santiago e Barbanza (+113), Pontevedra e O Salnés (+67) e Ferrol (+45).

Os novos contaxios de Covid-19 mantéñense desde a pasada terza feira por riba do milleiro, aínda que se reduciron con respecto á xornada pasada ao se situar en 1.115, que representan 255 menos que os 1.370 do día anterior.

En toda Galiza foron confirmados 1.170 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), que supoñen 255 menos que o día anterior, dos cales 282 corresponden á área sanitaria de Vigo; 226, á da Coruña e Cee; 175, á de Lugo; 174, á de Santiago e Barbanza; 154, á de Pontevedra e O Salnés; 89, á de Ouense; e 70, á de Ferrol.

A taxa de positividade das PCR, inicia a semana cunha repunta a un 15%, despois de estar no 13,36% o día pasado. 

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 na Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 2.449 ao notificar Sanidade unha nova vítima este domingo. En concreto, Sanidade informou da morte dun home de 87 anos que foi diagnosticado de coronavirus.