A poboación galega medra en 2.722 habitantes

Unha nai pasea co seu bebé nun carriño. (Foto: Europa Press)
A taxa de natalidade da Galiza, porén, fica á cola da Unión Europea coas peores cifras desde que hai rexistros.

A Galiza sumou 2.722 habitantes o 1 de xullo de 2022 a respecto do mesmo período do ano anterior, debido ao crecemento demográfico rexistrado nas circunscricións da Coruña e Pontevedra.

En concreto, segundo os datos publicados esta sexta feira polo Instituto Galego de Estatística (IGE), o país contaba a mediados do ano pasado con 2.693.451 habitantes.

Na circunscrición da Coruña foron 1.122.033; en Pontevedra, 943.474 —ambas as dúas con aumentos de poboación con respecto a 12 meses atrás—; en Lugo, 323.984, e en Ourense, 303.961 —as dúas rexistraron descensos—.

Estas cifras —as relativas a xullo— son provisionais. O IGE tamén publica as definitivas a partir do 1 de xaneiro de 2022, cando o territorio galego rexistrou unha poboación de 2.691.456 habitantes, o que supuxo un descenso de 5.420 persoas en comparanza co ano anterior. Por circunscricións, A Coruña e Pontevedra concentran até 76,7% da poboación galega.

Os nacementos, en caída

A pesar destes positivos datos, os rexistros máis recentes do Instituto Nacional de Estatística (INE) evidencian unha caída da natalidade no país de 36% desde o ano 2008, coa natalidade hoxe en mínimos históricos.

A taxa de natalidade galega (5,49) está por baixo da media da Unión Europea (9,3) e por baixo incluso da do Estado español (7,6), o cal se atopa no penúltimo posto da UE, só por diante de Italia (7,1).

A Galiza sitúase moi lonxe de Irlanda, que lidera a natalidade europea cunha taxa de 12 nacementos por cada mil habitantes. Desta maneira, segundo os datos publicados esta mesma semana por TBS Education, Galiza sería o estado da Unión Europea coa taxa de natalidade máis baixa.