Galiza suma 257 novos contaxios e catro vítimas máis polo coronavirus

Fachada do centro residencial do Incio (Foto: Google)
Tres dos falecementos, rexistrados nas instalacións do Hospital Lucus Augusti, están vinculados ao gromo da residencia do Incio. Nas últimas 24 horas déronse subidas dos casos activos en todas as áreas sanitarias menos na de Ferrol, que permanece con 150 casos activos.

A incidencia da Covid-19 continúa deixando malas noticias na Galiza. Nas últimas 24 horas rexistráronse 257 novos contaxios e houbo que lamentar cinco mortes, unha xa comunicada onte pola tarde, e outras catro.

Ao facer a comparanza das estatísticas desta sexta feira e de onte amósase que se pasou de 651 persoas finadas a 656. Segundo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade, tres das vítimas da última xornada eran usuarias e usuarios do centro residencial do Incio. Alí sigue sendo controlado un gromo que afecta a máis dun centenar de persoas.

En concreto, os últimos catro falecementos dos que non se tiña noticia até o de agora foron dunha muller de 84 anos e dous homes de 88 e 59 anos que estaban ingresados no Hospital Lucus Augusti (HULA). Tamén perdeu a vida unha muller de 62 anos que permanecía no Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña (CHUAC). Todos padecían enfermidades previas que complicaron a súa saúde.

Respecto ao número de contaxios, atendendo á conta de casos activos que fai a Xunta, habería que falar de preto dun centenar (91) dun día para outro. Porén, a realidade é que son máis porque as e os afectados seguen a crecer malia que desaparezan das listaxes 5 pacientes por falecemento e 161 por seren dados de alta nesas 24 horas.

Por iso, se podería falar de 257 contaxios na última xornada, unicamente atendendo ás probas PCR porque doutras non se facilitan informes.

Ascensos en todas as áreas agás en Ferrol

En canto aos casos considerados activos, déronse incrementos en todas as áreas sanitarias agás a de Ferrol, que continúa con 150 doentes. A zona da Coruña e Cee mantense como primeiro punto de afección con 1.445 positivos (unha vintena máis que onte) pero o ritmo de crecemento foi maior en Ourense con 412 veciñas e veciños afectados (27 máis) e Vigo, con 327 contaxios sen curar (25 máis).

En Lugo (796) ralentizouse o avance do virus con só dous cidadáns máis; Pontevedra incrementou en oito casos activos (até os 279) e, en Compostela (673), chegouse aos 14 contaxios a maiores.

Preto de 4.000 galegas e galegos permanecen illados nas súas casas con seguimento domiciliario, mentres que hai 15 nas UCI e 171 en unidades de hospitalización. Até esta sexta feira curáronse 13.200 cidadás e cidadáns e practicáronse 354.273 probas PCR.