Galiza, o territorio que menos profesionais sanitarios contratou a pesar da pandemia

Persoal sanitario (Europa Press)

O persoal sanitario público aumentou no Estado español en 5% durante a crise do coronavirus.

O número de persoal sanitario na sanidade pública é, no conxunto do Estado español, de 574.334 persoas. As novas profesionais contratadas polos gobernos das diferentes comunidades autónomas durante a crise da COVID-19 representan un aumento de 5% a respecto desa cifra, 28.438 sanitarias máis.

Porén, e como se recolle nunha información da Cadena Ser, esta contratación non foi coa mesma intensidade en todos os territorios e Galiza sitúase á cola. Así, e en base aos dados desta emisora, na Galiza só se incorporaron 158 novas profesionais,médicos internos residentes.

Galiza tiña, antes do inicio desta epidemia, por volta de 20.000 profesionais traballando no Servizo Galego de Saúde. Este incremento de 158 novas sanitarias está moi lonxe do rexistrado por territorios cunha poboación menor ou similar á do noso país e que contrataron máis.

Así, e con menos habitantes ca Galiza, en Castela-León incorporaron 2.835 profesionais máis, en Canarias, 600 novas contratacións, en Euskadi 161 e en Asturies máis de 600.

Estremadura incorporou máis de mil e Andalucía perto de 1.400, Catalunya 1.200 e Madrid máis de 9.000.

No inicio desta crise sanitaria, desde o Goberno español anunciaran a contratación de até 50.000 novas profesionais mais a día de hoxe a cifra de persoas incorporadas é de 28.000.

Tres semanas despois de se detectar as primeiras persoas contaxiadas na Galiza, o número de persoal sanitario infectado pola COVID-19 elévase a perto de 630. Representan así 10% do total de persoas con coronavirus na Galiza. Desde a Consellaría de Sanidade inciden en que é menos de 2% de todo o persoal sanitario que hai no noso país.