Galiza sitúase á cola do Estado en persoal de enfermaría

As enfermeiras son chaves para manter a calidade asistencial. (Foto: @eventuais_loita)

Galiza atópase á cola do Estado en persoal de enfermaría. O último informe do Consello Xeral da Enfermaría sinala que só conta con 517 profesionais por cada 100.000 habitantes. Mentres tanto as persoas con esta titulación formadas na Galiza, seguen marchando do país para desenvolver a súa profesión.

Galiza rexistra das peores ratios do Estado en dotacións de enfermaría. Segundo os datos recollidos no último Informe de recursos humanos da enfermaría, elaborado polo  Consello Xeral da Enfermaría e con cifras referidos a 2022, o país dispón de 517 profesionais por cada 100.000 habitantes.

As peores cifras rexístraas a provincia de Pontevedra con 402 enfermeiras por cada 100.000 habitantes e as mellores a circunscrición de Lugo con 705 enfermeiras por cada 100.000 habitantes.

Os números da Galiza non resisten comparación co conxunto estatal. Neste sentido, só presenta uns resultados máis negativos Murcia con 463 profesionais por cada 100.000 habitantes, colocándose nos postos de cabeza Nafarroa con 926 enfermeiras por cada 100.000 habitantes, Euskadi con 797 enfermeiras por cada 100.000 habitantes e Melilla con 778 enfermeiras por cada 100.000 habitantes. Así as cousas, o país fica moi lonxe da media do Estado, situada en 572 enfermeiras por cada 100.000 habitantes.

As ratios de persoal de enfermaría están moi por baixa da media comunitaria e das recomendacións da Organización Mundial da Saúde (OMS).

OMS

Galiza precisaría de 8.351 enfermeiras máis para situarse na media dos Estados da Unión Europea (UE), de 10.614 enfermeiras máis para cumprir coas cifras esixidas pola OMS e de 7.678 enfermeiras máis para colocarse nos niveis dos países da Organización para a Cooperación e Desenvolvemento Económico (OCDE).

Asemade, mantén unha fenda moi importante coas nacións europeas da súa contorna, rexistrando unha grande diferenza con Portugal, que conta con 675 enfermeiras por cada 100.000 habitantes.

Os datos do último exercicio son peores que os da anualidade anterior. Así, en 2020, Galiza contaba con 519 profesionais por cada 100.000 habitantes, fronte a 602 do conxunto estatal. Ao tempo, rexistraban ratios inferiores Murcia con 459 enfermeiras por cada 100.000 habitantes e Andalucía con 500 enfermeiras por cada 100.000 habitantes. Precisamente esta última comunidade superou ao país en 2021, marcando un rexistro para ese ano de 529 enfermeiras por cada 100.000 habitantes.

As perspectivas de futuro non son mellores. A este respecto, a idade media do colectivo é moi elevada o que avanza a xubilación dunha parte importante do mesmo nos próximos anos.

Os datos procedentes do Servizo Galego de Saúde (Sergas) apuntan que 9,8% das profesionais da enfermaría superan 65 anos de idade, con tres en 70 anos, 65 na faixa de 69 a 66 anos e 160 en 65 anos. Asemade, 15,3% atópase no grupo de idade de entre 63 e 64 anos, con 162 profesionais e n 64 e 193 en 63 anos.