O Debate

Está a Galiza no seu horario correcto?

Este sábado toca cambio de hora —ás 2:00 horas pasarán ser as 3:00— e canda el volve o debate sobre o fuso horario da Galiza: debería cambiarse?

Cara a un fuso horario galego

Lito Prado. Educador social e cooperativista 

Chegados  a esta época do ano, no que mudamos do horario de inverno para o de verán, é recorrente nos medios de comunicación galegos sacar o tema do fuso horario polo que nos deberíamos rexer na Galiza, facéndolle un fraco favor a unha discusión seria, razoada e razoábel do asunto ao mesturar temas que nada ou pouco teñen a ver, e que só serven para facilitar falsas argumentacións e razoamentos ó nacionalismo español, os altofalantes das enerxéticas e os grandes empresarios cos que tentan nos convencer, de xeito interesado, para seguir no mesmo fuso horario no que estamos. 

Por iso antes de entrar de cheo co tema que nos toca, permitídeme que debulle catro temas que nada teñen que ver co fuso horario. Estes son: o número de horas de luz que ten un día, os costumes horarios, a racionalización horaria e a muda de hora inverno – verán. 

Comecemos co número de horas de luz que teñen os días. É un feito natural e non modificábel polos seres humanos e que depende da data e do lugar do planeta onde nos atopemos. Isto é debido a forma esférica da Terra e a súa inclinación con respecto ó sol. Así, por exemplo esta semana, o 20 de marzo, desfrutamos na Galiza do equinoccio vernal, é dicir, tivemos doce horas de día e doce horas de noite, e todos os 20 de marzo dos anos pasados e dos que están por vir terán 12 horas de luz, cunha variación de 6 horas por iso engadimos un día máis cada catro anos, con independencia dos cambios de hora que fagamos ou do fuso horario no que queiramos vivir. E isto pasa con todos os días do ano, de feito temos moitas páxinas na internete que introducindo unha data márcannos con exactitude o número de horas de luz das que disporemos ese día. 

Os costumes horarios son un feito cultural que fai que relacionemos certas actividades con horas ou momentos do día. Así por exemplo, nas festas na Galiza botamos as bombas de artificio ás 12 da noite, e seguirémolo facendo con independencia de cambios de hora e fusos horarios.  

A racionalización de horarios daría en si para outro artigo. Está relacionada co xeito como organizamos as horas do día dependendo das nosas obrigas, necesidades, desexos, intereses... É o elemento que maior distorsión introduce no debate de mudar cara o noso auténtico fuso horario baixo argumentacións do tipo “eu é que saio de traballar ás 20 da tarde e así aínda podo aproveitar dúas horas de sol”, facendo ver como normal que nalgún día de verán ás 23 aínda sexa día. Ao mellor o normal é non sair ás 20 de traballar ou parar dúas ou tres horas entre o horario de traballo de mañá e o horario de tarde. É un tema igual de fascinante que complexo pero que ten máis que ver coa concepción que temos do traballo e do lecer, a importancia que se lle dá a conciliación da vida laboral e familiar e a priorización do sector turístico que do fuso horario no que decidamos vivir. 

E por último quédanos falar da muda a horario de verán. Esta medida busca un mellor aproveitamento do maior número de horas de luz na época estival e un aforro enerxético. Dende finais do século XVIII véñense presentando distintas propostas de horarios de verán, se ben, xeneralizouse a súa aplicación na meirande parte dos paises no século XX. En Europa acabouse de implantar na década de 1970, na chamada crise do petróleo. A principios do actual século comezan a aparecer moitos estudos que poñen en dúbida o aforro enerxético desta medida por mor dos cambios nos procesos industriais, a aparición de novos procesos produtivos e a implementación de fontes de enerxías renovábeis dependentes de particulares. Ao mesmo tempo xurden numerosos estudos que amosan as consecuencias negativas que ten para a saúde a muda ó horario de verán. Esto fai que este cambio de hora comece a suprimirse en moitos paises. Así por exemplo, este mesmo ano, México, único país de América que mantiña o horario de verán, aprobou unha lei para abolilo. Neste sentido na UE está o debate enriba da mesa  que, máis cedo que tarde, desembocará na súa supresión. 

Unha vez tratados estes temas, moi por encima, entremos por fin no asunto do fuso horario. O sistema de fusos horarios sírvenos pra organizar o tempo ao redor do mundo dun xeito coordinado a nível mundial. Até a súa implementación, a escala planetaria, cada pais baseaba o seu horario no meridiano que eles decidisen, así por exemplo España até 1901 adoptou como referencia o meridiano de Madrid. Esta situación implicaba consecuencias negativas dende o punto de vista comunicativo, loxístico, de coordinación, transporte... nun mundo cada vez máis global. 

Mais que son os fusos horarios? Son as 24 seccións nas que se divide a Terra, onde cada sección mide 15 grados, medida resultante de dividir 360 grados (lembremos que a Terra é redonda) entre 24 horas que ten o día. Dentro de cada fuso horario, tamén chamado zona horaria, rexe a mesma hora. 

Dende 1884 adoptouse internacionalmente o Meridiano de Greenwich como referencia, e dicir, cando o sol está no máis alto son as 12 do mediodía nese meridiano, pasando o mesmo en todos os demais. Búscase con iso que o horario sexa o máis natural posíbel e que non haxa grandes diferenzas entre o sistema e o devir cotiá da vida, de feito, nas localidades asentadas dentro do mesmo fuso a diferencia entre a hora adoptada e a hora solar é como máximo de 30 minutos. 

A meirande parte dos países do mundo, tentan parellar aomáximo o seu horario adoptado co horario solar conseguindo así un maior respecto polos biorritmos humanos e grandes beneficios para a saúde como é o descenso da ansiedade ou a facilitación do sono, entroutros; mais tamén porque supón unha maior eficiencia da xestión de horas de luz dende un punto de vista económico, enerxético, social e ecolóxico.

Para iso sitúanse no seu fuso horario e, dependendo da súa extensión ou características, fan convivir varios fusos horarios dentro do seu territorio (EUA ten 6 fusos horarios e Rusia ten 11) ou, incluso, implementan fusos horarios de duración distinta a 1 hora, por exemplo na India a hora UTC é de 5 horas e media, ou Australia que ten, entroutras, unha franxa horaria de media hora (Illa de Lord Howe)   

En 1901 o Estado español adopta o Meridiano de Greenwich como referencia para marcar a hora oficial, situándose na franxa horaria 0, segundo Greenwich. Pero en 1940, a dictadura de Franco decide adiantar unha hora a franxa horaria pra achegar a España á Alemania nazi, baixo a idea de unha Europa unida polo fascismo e a hora, situándose na franxa horaria +1. E dende aquela seguimos até a actualidade. Simplemente a razón que motiva este adianto de hora bastaría para retornar a situación anterior, á franxa horaria 0. 

E que pasa coa Galiza? Case a tres cuartas partes do territorio galego atópanse na franxa horaria -1. Iso fai que se o actual fuso horario do Estado español sumamos o horario de verán  atopámonos que nalgúns concellos occidentais galegos a diferenza entre o mediodía solar e o oficial chegue a exceder os 160 minutos. Só existen dúas zonas no mundo cun maior desfase no horario que Galiza, o Tibet e SinKiang, as dúas pertencen a China que impón un único fuso horario pra todo o seu territorio.  

Con isto Galiza é o territorio do Estado español que peor sae parado co a hora actual, xa non por estar adiantada de por si unha hora, senón que ademais atopámonos en grande parte inmersos noutro fuso horario. Por iso se me preguntades a min, téñovos que responder que Galiza debería estar na franxa horaria -0,5, e dicir, nunha zona horaria especial para a nosa situación (como tantas outras que hai noutros paises) de media hora.  

De inicio confórmome con que o Estado español volva o que é o seu fuso horario, retrasando así unha hora os nosos reloxos, mais moito me temo que na medida que esta mudanza climática, que estamos a vivir, teña consecuencias moito máis visibeis, perxudiciais e catastróficas non teremos máis remedio que mudar a zona horaria especial galega de -0,5 (si, media hora menos que Madrid). 

 


É necesario?

Jorge Mira ollando as análises da investigación (Nós Diario)

Jorge Mira. Catedrático da Universidade de Santiago (USC)

A principios de 2018 de 2018 Finlandia propuxo á Unión Europea a supresión do cambio estacional de hora. É normal que ese país o pida, porque alí está a cidade de Papá Noel: Rovaniemi, un dos seus puntos máis turísticos, tanto por acoller a tan notable cidadán como por ser lugar de fronteira do círculo polar ártico, esa circunferencia que vemos pintada nos globos terráqueos pola parte de arriba, a unha latitude de 67,5°. Que pase por Rovaniemi quere dicir que os finlandeses de alí teñen unhas condicións de iluminación solar certamente peculiares. A principios do inverno teñen noite todo o día e a principios de verán teñen día todo o día (valla a redundancia). Pasan de ter sol 24 horas diarias a non telo 24 horas diarias. E bailando entre os dous extremos cada 6 meses. Nas épocas próximas aos equinoccios as mañás e as tardes pódenlles crecer a un ritmo dunha hora por semana. Case nada. Con ese panorama, é normal que lles dea igual cambiar a hora.

Se no verán tes sol as 24 horas do día, dáche igual xogar ao fútbol ás 8 que ás 23 horas. Se no inverno tes noite todo o día, dáche igual ir para cama ás 3 que ás 17 horas. Pero claro, aquí vivimos no paralelo 43°N, e o tema é distinto. A ver, a variación día/noite tamén cambia moito (de 15 horas e media no verán de luz diúrna a 9 horas no inverno) pero non dun modo tan bestial. O momento de saída e posta do sol móvesenos unhas 3 horas cada 6 meses.

Se se aplicase o horario de inverno todo o ano (UTC+1), durante 4 meses ao ano estaría a amencer antes das 6 da mañá na costa catalá (a esa hora non hai moita poboación que puidese aproveitar a circunstancia).

Se se aplicase o horario de verán todo o ano (UTC+2, a que prefire a gran maioría  segundo as enquisas), durante 4 meses ao ano estaría a amencer en Galicia entre as 9 e as 10 da mañá, un momento de plena actividade. Pero é que os números son aínda máis extremos se consideramos outros países europeos. 

E esa é outra: Europa non pode expoñerse a ter un mapa horario como un damero. Para empezar, os nosos veciños portugueses teñen moi claro que queren seguir facendo o cambio de hora. No pasado fixeron todo tipo de probas (entre elas eliminar o cambio) e saíron escaldados.

 Como dixo o responsable da hora portuguesa nun foro que organicei en Galicia a finais de 2018, Portugal é un laboratorio sociolóxico de primeira magnitude para valorar os impactos deste tipo de medidas: durante máis dun século experimentou en varias ocasións diferentes posibilidades, entre elas a eliminación do cambio estacional de hora… 

Todas elas foron un fracaso. Portugal, a través dun mecanismo de proba-erro, é a demostración empírica de que é necesario o cambio estacional de hora nun país da súa latitude e que non se pode xogar coa asignación de fuso horario á que a poboación se adaptou tras décadas e na que integrou socialmente as súas marcas horarias de referencia.

Os humanos primitivos levantábanse co sol, pero os de agora levantámonos cun reloxo, que vai a piñón fixo, non ten en conta ao sol e, por tanto, se non é corrixido espertaranos no verán cando o sol estea xa moi alto.

Por que é necesario el cambio de hora estacional?