Galiza, segundo territorio con menor investimento en dependencia por habitante e o que máis porcentaxe recibe do Estado

Galiza achegou 142 euros por habitante, segundo a Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais en 2019.

Galiza situouse en 2019 como a segunda comunidade que menos investiu en dependencia en relación á súa poboación, cun gasto de 142 euros por habitante, segundo a Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais. Os datos achegados por esta entidade tamén revelan que o galego é o territorio que maior porcentaxe de investimento recibiu por parte do Estado.

Concretamente, segundo os datos achegados por esta asociación, o gasto público certificado en dependencia ascendeu, en 2019, 382,6 millóns, un cálculo no que non se detrae a achega dos usuarios -co pagamento en servizos-, que se calcula para o conxunto do Estado nun 20,07%.

Deste total, 288 millóns correspóndese a Galiza e 94,5 millóns co mínimo de achega da Administración do Estado, de forma que a Xunta fíxose cargo do 75,3 % e o Estado do 24,7 %, o que sitúa Galiza como a comunidade que máis percibiu, en termos porcentuais, do Estado, por diante de Castela e León, cun 22%.

Outro dato facilitado polos xerentes é que o gasto media por dependente atendido en 2019, foi de 7.948 euros ao ano dos cales, a Administración estatal achegou só 1.276 euros en concepto de nivel mínimo garantido, do que se deduce que financia con 106 euros ao mes por cada persoa beneficiaria da lei.

No caso da Galiza, son 142 euros por habitante, de maneira que é a segunda que menos inviste en relación á poboación, só por diante de Canarias, que gasta 95 euros.

Pola contra, as comunidades que máis invisten por habitante e ano foron País Vasco (368 euros), Estremadura (286 euros) e Castela e León (261 euros).

As que máis incrementaron o orzamento no último ano foron Baleares (+32%), Comunidade Valenciana (18%) e Canarias (16%). Galiza subiuno un 5,6%, por baixo da media estatal do 6,9% e situándose como a oitava no ranking con menor subida.

"O valor máis baixo”

A Asociación de Directores e Xerentes en Servizos Sociais alertou da redución do financiamento estatal do sistema de dependencia, que é na actualidade "o valor máis baixo da historia" e da acusado desigualdade territorial.

A asociación sostén que, segundo as certificacións anuais das comunidades autónomas en 2019 o investimento público no Sistema de Atención á Dependencia foi de 8.607 millóns, dos cales as comunidades autónomas financiaron o 83,9 por cento e a achega estatal "reduciuse no 16,1 por cento, a porcentaxe máis baixa desde o inicio da lei, con 1.386 millóns de euros".

“Sistema en retroceso”

"O sistema atópase en retroceso e a lista de espera baixa polos 43.275 falecidos nas listas de espera da dependencia neste ano e existen 27.116 falecidos no 'limbo da dependencia', persoas que tiñan dereito a recibir unha prestación e faleceron sen recibila e 16.159 que morreron á espera de ser valorados", consideran.

O financiamento da dependencia recortouse pola vía dun Decreto-lei en 2012 co goberno de Mariano Raxoi, segundo lembran os xerentes, apelando a circunstancias de "extraordinaria e urxente necesidade". Na súa opinión, "a aparente imposibilidade de atender ás persoas máis vulnerables está a xerar unha situación tan cruel como a que provocou aquel decreto".

Postos de traballo

"Deberíase considerar que ese investimento xeraría 25.000 postos de traballo directos e que se obterían uns retornos de 240 millóns de euros sen contar cos retornos inducidos", precisan.

Até entón, lamentan, "aos atendidos insuficientemente, aos desatendidos e aos que mesmo non foron aínda valorados, non queda outra que seguir desaparecendo como até agora, discretamente e en silencio".