Galiza é o segundo territorio do Estado onde menos asignacións se fan á igrexa no IRPF

A Conferencia episcopal presentou os dados (CEE)

Só 25% das persoas que fan a declaración da renda en Galiza optan por financiar a igrexa católica, o que supón 7 puntos por baixo da media española, que está en 32,3%. Catalunya é a zona do Estado onde menos se risca ese cadro no IRPF.

Apenas un de cada catro galegos e galegas que fan a declaración da renda poñen o X no cadro correspondente para autorizar que 0,7% da súa factura fiscal vaia para a Igrexa católica. Un cadro que riscaron 24,9% das persoas que presentaron a declaración na Galiza, unha porcentaxe que é 7 puntos inferior á media española, que se sitúa en 33,3%. E é un punto menos dos galegos e galegas que si facían esa asignación na campaña pasada (25,9%).

De feito, Galiza é o segundo territorio do Estado español onde menos porcentaxe de contribuíntes autoriza que parte da súa declaración se destine á igrexa católica. Só Catalunya, con 17,4%, ten ratios máis baixos que Galiza, segundo os dados da propia Conferencia Episcopal, que presentaron esta quinta feira.

Eran 27% en 2016, foron 26% en 2017 e en 2018 foron 25,9%. Na campaña de 2019, 24,9%.

De feito, e nos últimos anos, a porcentaxe de galegos e galegas que riscan o X da Igrexa na declaración vai minguando: eran 27% en 2016, foron 26% en 2017 e en 2018 foron 25,9%. Na campaña de 2019, 24,9%. No último exercicio marcaron o X da Igrexa na Galiza 328.000 declarantes. Iso reportou ás arcas eclesiásticas máis de dez millóns de euros. En total, no conxunto do Estado, recadaron 284 millóns, a cifra máis alta desde o inicio deste sistema de asignación tributaria.

Con Catalunya e Galiza, o terceiro territorio no podio de menos contribuíntes á igrexa son as Canarias, con 29%

E as que máis

No outro estremo sitúase Castela-A Mancha, onde 45% das persoas elixen que parte do seu IRPF vaia para a institución relixiosa. Murcia, A Rioxa, Estremadura e Castela León superan 40% das persoas declarantes que riscan cun X os cadros para a Igrexa.

Nese 25% de galegos que optan por destinar 0,7% da súa factura fiscal á Igrexa católica englóbase tanto a aqueles que poñen o X no cadro da Igrexa Católica como os que riscan as dúas opcións, é dicir, que elixen que parte do seu IRPF vaia a esa institución relixiosa e tamén a entidades de fines sociais.