Galiza é o segundo territorio do Estado onde menos asignacións se fan á igrexa no IRPF

Só unha de cada catro persoas que fan a declaración da renda en Galiza optan por financiar a igrexa católica. Un 24,7% que son 7 puntos por baixo da media española, que está en 32,15%.

Apenas un de cada catro galegos e galegas que fan a declaración da renda poñen o X no cadro correspondente para autorizar que 0,7% da súa factura fiscal vaia para a Igrexa católica. Un cadro que riscaron 24,7% das persoas que presentaron a declaración na Galiza, unha porcentaxe que é 7 puntos inferior á media española, que se sitúa en 32,15%. E unas décimas menos que os galegos e galegas que si facían esa asignación na campaña pasada (24,9%).

De feito, Galiza é o segundo territorio do Estado español onde menos porcentaxe de contribuíntes autoriza que parte da súa declaración se destine á igrexa católica. Só Catalunya, con 16,9%, ten ratios máis baixos que Galiza, segundo os dados da propia Conferencia Episcopal, que presentaron esta semana.

De feito, e nos últimos anos, a porcentaxe de galegos e galegas que riscan o X da Igrexa na declaración vai minguando: eran 27% en 2016, foron 26% en 2017 e en 2018 foron 25,9%. Na campaña de 2019, 24,9% e na última, 24,7%. 

No último exercicio marcaron o X da Igrexa na Galiza 328.000 declarantes. Iso reportou ás arcas eclesiásticas máis de 11 millóns de euros. En total, no conxunto do Estado, recadaron 301 millóns, a cifra máis alta desde o inicio deste sistema de asignación tributaria.

Con Catalunya e Galiza, o terceiro territorio no podio de menos contribuíntes á igrexa son as Canarias, con 25,6%

E as que máis

No outro estremo sitúase Castela-A Mancha, onde 45% das persoas elixen que parte do seu IRPF vaia para a institución relixiosa.  A Rioxa, Estremadura, Murica e Castela León superan 40% das persoas declarantes que riscan cun X os cadros para a Igrexa.

Nese 25% de galegos que optan por destinar 0,7% da súa factura fiscal á Igrexa católica englóbase tanto a aqueles que poñen o X no cadro da Igrexa Católica como os que riscan as dúas opcións, é dicir, que elixen que parte do seu IRPF vaia a esa institución relixiosa e tamén a entidades de fines sociais.