Galiza, segundo territorio do Estado español con máis persoas ingresadas na UCI pola Covid a última semana

Dispositivo de realización das PCR. (Foto: Picasa / Europa Press)
O país é o terceiro en número de hospitalizacións. Malia todo, a redución dos contaxios permitiu que hoxe a Xunta anunciara unha desescalada -a diferentes niveis- na maior parte dos municipios. Ademais, a Consellaría de Sanidade comunicou hoxe outros 11 pasamentos.

Os informes do Ministerio de Sanidade relativos á última semana sitúan a Galiza como a segunda zona do Estado español cun maior número de ingresos nas Unidades de Coidados Intensivos (UCI) polas complicacións derivadas dos contaxios do coronavirus. Así, o país só foi superado pola Comunidade de Madrid, onde entraron nestas áreas de maior atención 78 pacientes.

Na rede hospitalaria galega contabilizáronse 43 novas incorporacións ás doentes que están nas UCI, sempre atendendo aos datos que deu a coñecer hoxe o departamento sanitario. 

Aliás, hai que ter en conta que a nivel global tamén se produciron máis hospitalizacións que noutros territorios. Galiza foi a terceira neste peculiar podio con 264 persoas afectadas polo virus baixo vixilancia hospitalaria, mentres que en Madrid ingresaron a 663 veciñas e veciños e en Andalucía a 586.

Con estas incorporacións, Sanidade destaca que o total de galegas e galegos que permanecen nos centros sanitarios pola pandemia é de 666, o que implica unha ocupación do 8%. A media estatal está nun 12% das camas dispoñíbeis ocupadas. Do total, son 161 pacientes as que están nas UCI, tamén uns puntos por debaixo de todo o Estado español.

No informe desta segunda feira tamén se explicou que entre o 12 e o 18 de febreiro realizáronse 89.759 probas diagnósticas. En calquera caso, a melloría na evolución epidemiolóxica permitiu que a Xunta anunciase unha desescalada paulatina a partir da sexta feira. No entanto, as fronteiras seguirán fechadas para entrar e saír cara outras comunidades ou Portugal. Os municipios poderían volver a situacións máis restritivas de cara á Semana Santa.

Vítimas da pandemia

Por outra parte, as autoridades sanitarias dependentes da Xunta informaron hai escasos minutos do falecemento de 11 persoas máis pola Covid-19. Todos os óbitos decorreron entre o sábado e hoxe mesmo. O número de vítimas xa están en 2.187 contando aos dous homes de 64 e 85 anos e á muller de 87 que non superaron a enfermidade mentres eran atendidos no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (Chuac).

Na xornada de onte, finou un varón de 68 anos no Chuac; unha doente de 86 no hospital de Ferrol; un home de 91 que estaba ingresado no Lucus Augusti e outro de 56 anos -o único sen patoloxías previas- nas instalacións do CHOP. O sábado decorreron os decesos dunhas usuarias de 94 e 83 anos dunha residencia de Moeche. Tamén se notificou que finaran dúas mulleres de 89 anos, unha no Chuac e outra no Clínico de Compostela.