Segunda comunidade con menos incapacidades e unha poboación traballadora envellecida: os datos que desmontan a ofensiva de Rueda contra as baixas laborais

O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, Francisco Sío, e o secretario xeral da central sindical, Paulo Carril, onte. (Foto: Nós Diario)

Unha cousa son os datos e outra os relatos. A información achegada pola Airef procedente da autoridade laboral desmente o discurso de Rueda sobre o alcance das baixas laborais na Galiza. Neste sentido, desvela que é a segunda comunidade do Estado con menor número de incidencias por enfermidade.

 

O debate sobre as baixas laborais por enfermidade colouse esta semana no centro da actualidade tras anunciar a cuarta feira, durante o Debate do Estado da Nación, o presidente da Xunta da Galiza, Alfonso Rueda, a presentación dun "programa integral de abordaxe das baixas laborais" que reforzará "o papel das mutuas". Neste sentido, avanzou  que "cando unha mutua realice unha proposta de alta suficientemente xustificada, a inspección sanitaria vaina ratificar e acordar a alta" e denunciou "o absentismo laboral" como un factor que "lastra a produtividade", asegurando que xera a economía galega unhas perdas anuais de 2.300 millóns de euros. 

A proposta de Rueda foi rexeitada na propia sé parlamentaria pola voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e polo secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro. Mentres a responsábel nacionalista acusou o presidente da Xunta da Galiza de "tratar os traballadores como vagos e maleantes", o dirixente socialista culpou o mandatario galego da duración das baixas laborais por enfermidade polo "colapso" sanitario. Na mesma dirección, a ministra de Traballo, Yolanda Díaz, cualificou de "ilegal" a proposta de Rueda e adiantou que no caso de ir adiante recorrería a norma diante do Tribunal Constitucional.

Persoas en situación de incapacidade laboral temporal por cada 1.000 habitantes. (Datos: AiRef / Gráfico: Nós Diario)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) deu a coñecer onte un informe sobre a realidade das baixas laborais por enfermidade na Galiza. No marco da súa presentación, o secretario xeral do sindicato, Paulo Carril, asegurou que a proposta de Rueda "evidencia  de maneira descarada o seu papel de axente da patronal, negando a saúde como un dereito e facendo da enfermidade un delito". Nesta liña, indicou que "responsabilizar a clase traballadora desta situación é mesquiño e unha manipulación intolerábel e interesada que busca ocultar responsabilidades políticas". Neste punto, avanzou a posta en marcha dunha campaña da CIG contra o plan de Rueda, con mobilizacións o vindeiro 16 de abril.

A Unión Xeral de Traballadores (UXT) e Comisións Obreiras (CCOO) manifestaron, tamén, onte as súas críticas á proposta do presidente galego en relación coas baixas laborais por enfermidade. Así, o secretario do sindicato socialista, Cristobal Medeiros, afirmou que "Rueda atizoulle duramente ao conselleiro de Sanidade, porque se hai un problema de absentismo, é un tema de colapso de sanidade" e amosou a súa disposición ao "diálogo" para "buscar solucións". Pola súa banda, Comisión Obreiras criticou que "as medidas anunciadas no debate de política xeral poñen o foco, novamente, sobre as persoas traballadoras" e anunciou unha marcha para o 28 de abril en Ourense "polo acoso da Xunta e a patronal".

Persoas traballadoras maiores de 55 anos na Galiza sobre o total (en %)

O informe presentado onte pola CIG vincula o aumento das baixas laborais por enfermidade na Galiza ás condicións de traballo, ao incremento da idade laboral da poboación ocupada e á situación da sanidade pública. Unha explicación análoga ofrecen desde UXT e CCOO, que cuestionan as análises e os datos achegados por Rueda. A este respecto, un relatorio presentado no mes de febreiro pola Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef), órgano independente de control fiscal do Estado, certificaba que Galiza foi a segunda comunidade do Estado con menos baixas laborais por enfermidade en 2024, último ano con datos.

O documento da axencia pública desvela que o número de baixas laborais por enfermidade na Galiza é de 27,3 por cada 1.000 persoas afiliadas á Seguridade Social, unha cifra moi inferior á media do Estado, situada en 36,8 baixas por cada 1.000 persoas ocupadas. Na mesma dirección, explica que as incidencias máis comúns son as musculoesqueléticas, cunha incidencia de 6,6 por cada 1.000 persoas empregadas; as respiratorias, cunha incidencia de 3,7 por cada 1.000 persoas empregadas, e as mentais, cunha incidencia de 3 por cada 1.000 persoas empregadas

O médico especialista en Medicina Familiar e Comunitaria e voceiro de SOS Sanidade Pública, Manuel Martín, explicou a Nós Diario que "as causas das baixas laborais responden a factores multicausais". Neste punto, indicou que "a medida que temos unha maior idade, as patoloxías aumentan e existen máis posibilidades de doenzas como hipertensión, a diabetes, a artrose ou as doenzas musculares naquelas profesións que requiren un maior esforzo físico". Na mesma dirección, a Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria (Agamfec) rexeitou onte a proposta de Rueda, cualificándoa de "disparatada".

Carril aseverou que "estamos ante unha forza de traballo máis envellecida, con maior desgaste físico acumulado e máis dificultades de recuperación". Neste punto, lembrou "en apenas unha década a porcentaxe de persoas ocupadas maiores de 55 anos aumentou en 9,3 puntos, pasando de representar en 2010 o 14,8% do total da poboación ocupada a sumar o ano pasado o 21,1%". A este respecto, concluíu que "non  se lle pode exixir o mesmo rendemento nin as mesmas condicións de saúde a quen leva décadas traballando e ve como se lle impón seguir até os 67 anos".

O tempo medio das baixas laborais é de 80,6 días

A baixa porcentaxe de baixas laborais por enfermidade na Galiza contrasta coa súa duración. A este respecto, a Autoridade Independente de Responsabilidade Fiscal (Airef) situou a duración media das baixas laborais no país en 2024 en 80,6 días, 34,7 días por enriba da media estatal. Neste sentido, Manuel Martín responsabilizou da situación "ao colapso do sistema sanitario, moi especialmente da Atención Primaria que non garanta a accesibilidade á asistencia da poboación". Na mesma dirección, denunciou que "as listas de agarda hospitalarias obrigan tamén a incrementar os tempos de espera".

Permanécese máis tempo de baixa non por vontade das persoas traballadoras, senón polas ineficacias dun sistema sanitario debilitado polos recortes”, criticou Carril, quen destacou que "de feito, a media de días de baixa por continxencias comúns en Galiza é 34,7 días superior á do Estado español. Un dato demoledor que desmonta o relato da patronal". Neste sentido, reflexionou que "esta situación ten consecuencias directas sobre a saúde da clase traballadora: máis tempo sen tratamento, máis complicacións e procesos de recuperación máis longos. É dicir: máis tempo de baixa, non por vontade das persoas traballadoras senón polas ineficacias dun sistema sanitario debilitado polos recortes".