Na Galiza seguen 207 casos activos por coronavirus, 139 deles na Mariña

Sanitarias entrando nunha vivenda de Foz (Carlos Castro/ Europa Press)

Os casos activos descenderon en 11 en relación ao pasado sábado. Non hai persoas en coidados intensivos por mor da Covid-19.

Os casos activos por coronavirus na Galiza descenderon este domingo en 11 en relación á pasada xornada, pasando de 218 até 207. Baixan en todas as áreas, incluída a de Lugo, aínda que esta, onde se rexistrou un brote significativo na Mariña, acumula aínda 139 deses casos. A de Ferrol, que tiña un, non rexistra xa ningún hoxe.

En concreto, segundo a última actualización de Sanidade, dos 207 casos positivos, 139 corresponden á área de Lugo  con nove menos que no parte do sábado. Na área da Coruña e Cee serían 30, un menos, malia o foco de Betanzos. Na área de Compostela e Barbanza seguen activos 7 mentres que na área de Ourense serían 5. Por último a área de Pontevedra segue con 9 casos e a de Ferrol xa non conta con ningún.

Neste momento non hai persoas en coidados intensivos por mor da Covid-19 e das 8 persoas hospitalizadas, 4 están na Mariña. Os 199 positivos restantes na Galiza atópanse en seguimento domiciliario.

Dous positivos en Xermade

O foco de COVID-19 detectado en Vilalba sumou outros 2 positivos, aínda que no concello veciño de Xermade. Son familiares das persoas ás que se lles diagnosticou a enfermidade inicialmente.

A alcaldesa de Vilalba, Elba Veleiro, explicou que todos as persoas infectadas, que na actualidade son seis, coincidiron hai uns días nunha comida familiar en Cabreiros, en Xermade, e que agora dúas desas persoas, residentes alí, deron positivo tamén.

Tanto os catro afectados de Vilalba como os dous de Xermade atópanse ben e están no seu domicilio illados e con seguimento médico.