Galiza segue a reducir os contaxios da Covid noutra xornada de vacinación libre

Unha moza recibe a primeira dose da vacinaen Ourense (Foto: Xunta da Galiza).
Esta segunda e terza feira continúa a vacinación sen cita previa nos sete campus universitarios da Galiza.

O número de contaxios diarios de Covid-19 na Galiza descendeu nas últimas horas por baixo do centenar, algo que non ocorría desde o pasado 23 de xuño.

A cifra de persoas enfermas por coronavirus baixa até as 3.466, nun novo inicio de semana que achega outra lixeira repunta da ocupación hospitalaria.

Así, segundo os datos publicados polo Sergas nas últimas 24 horas rexistráronse 89 novos contaxios, o que supón 57 casos menos que os notificados na xornada anterior. Os novos positivos redúcense en todas as áreas sanitarias, salvo na de Lugo, que dobra o número de novos casos, e na de Ferrol, onde se manteñen.

Así, a área sanitaria de Lugo detectou nas últimas horas 27 novos contaxios (13 máis); a da Coruña, 21 (19 menos); a de Santiago, 18 (25 menos); a de Vigo, 10 (17 menos); a de Ourense, oito (un menos); a de Pontevedra, tres (19 menos), e a de Ferrol, dous.

Presión hospitalaria

Con respecto á ocupación de camas nos hospitais galegos por mor da Covid, incrementouse  lixeiramente. O último balance do Sergas informa de 42 persoas ingresadas en unidades de coidados intensivos, dúas máis que un día antes, e 116 en unidades convencionais, sete máis.

A área da Coruña ten o maior número de pacientes en coidados críticos, 12; seguida por Vigo, con oito (un máis); Ourense, tamén con 8 persoas na UCI; Ferrol, con cinco; Pontevedra, con catro; Lugo, con tres, e Santiago que pasou de un a dous pacientes críticos.

A cifra de persoas falecidas con Covid desde o inicio da pandemia mantense en 2.604.

Nova xornada de vacinación libre

Esta segunda feira, Galiza avanza no proceso de vacinación contra a Covid-19 cunha nova xornada de potas abertas e sen cita previa dirixida a todas aquelas persoas pendentes de se inocular contra o coronavirus.

É a primeira das dúas previstas nos campus universitarios da Galiza, onde se poderán vacinar libremente alumnado e persoal da comunidade universitaria.

Puntos de vacinación sen cita previa 13 e 14 de ssetembro

A Coruña: Expocoruña, no punto de vacinación Covid habitual. Estará sinalizado o acceso para o persoal da UDC sen cita previa, de 9 a 20 horas.

Ferrol: Escola Politécnica Superior no campus de Esteiro. Ese punto estará dispoñíbel entre as 09.30 e as 14.30 horas e de 15. 30 a 20.30 horas. 

Santiago: Auditorio Roberto Vidal Bolaño (Campus Vida) de 9 a 20 horas.

Lugo: Facultade de Veterinaria de 10.30 a 13.30 horas e de 15 a 18.30 horas.

Vigo: Pavillón Universitario das Lagoas, en Marcosende, de 9 a 20 horas.

Pontevedra: Recinto feiral de Pontevedra -rúa Alexandre Bóveda, s/n- de 9 a 14.30 horas e de 16 a 21.30 horas.

Ourense: Edificio de Ferro, nunha carpa situada na entrada do edificio, de 9 a 21 horas.