A superficie queimada achégase ás 25.000 hectáreas en múltiples lumes activos

Máis dun milleiro de persoas foron xa evacuadas pola proximidade das chamas ás vivendas. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
O Goberno galego estima que foron desaloxadas 1.400 persoas.

A vaga de incendios que afecta a Galiza desde a pasada quinta feira segue sen estar controlada e xa queimou perto de 25.000 hectáreas, cos lumes do Courel e Valdeorras como os de maior extensión no país. Xa son cinco os lumes que superan o milleiro de hectáreas arrasadas, todos eles aínda activos.

Segundo a última actualización da Consellaría de Medio Rural, o macroincendio de Folgoso do Courel-A Pobra do Brollón ascende até as 7.500 hectáreas, onde segue activa a Situación 2 de alerta por proximidade das lapas a vivendas nos núcleos de Parada dos Montes e Carballal (Folgoso) e máis Busto (A Pobra). Ademais, existe outro foco de 1.100 hectáreas na parroquia de Seceda, tamén en Folgoso, con Situación 2 por proximidade ao núcleo de Gamiz.

A estimación provisional da Xunta mantén a superficie afectada en Carballeda de Valdeorras en 9.000 hectáreas. Trátase dun lume que se estendeu nas dúas marxes do río Sil e afecta o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra.

Neste incendio, que foi estabilizado o domingo pero reactivouse por mor da acción do vento, está activada a Situación 2 pola proximidade das chamas ao núcleo de Candeda, en Carballeda. E alcanza xa León, onde se desaloxaron as poboacións de Salas da Ribeira e San Pedro de Trones, no municipio de Ponte de Domingo Flórez.

Segundo os últimos datos da Consellaría do Medio Rural, son máis de 1.400 as persoas que foron desaloxadas por estes incendios en 80 núcleos de poboación pertencentes ao Courel, que suma 60 dos 80 núcleos, e Valdeorras.

O terceiro incendio forestal con máis superficie afectada, tamén activo e aínda fóra de control, é o que xa arrasou 3.500 hectáreas do Parque Natural do Invernadoiro, en Vilariño de Conso.

Oímbra

A situación agravouse na tarde da terza feira en Oímbra, onde un dos tres focos obrigou a activar a Situación 2 por proximidade do lume ao núcleo de Feces de Cima, en Verín, aínda que xa está desactivada. Este foco comezou na parroquia de Rabal e calcina xa 750 hectáreas.

Aliás, reactivouse o foco de Videferre, que se atopaba xa estabilizado, con perto de 350 hectáreas queimadas. Súmase ao incremento nas hectáreas afectadas polo lume de Rabal, unhas 1.200 polo de agora. O terceiro incendio activo no municipio, na parroquia San Cibrao, queimou 400.

Outros incendios

Ás 23.31 horas, declarouse extinguido un dos catro lumes existentes no concello de Cervantes, o da parroquia de Donís (75 hectáreas).

No tocante aos outros tres focos, está controlado o de Noceda desde as 23.31 horas (100 hectáreas). Mentres, seguen estabilizados os de Cereixedo (65 hectáreas) e O Castro (20 hectáreas).

En Quiroga, está controlado o da parroquia de Outeiro (250 hectáreas) e estabilizado o de Nocedo (15 hectáreas). Ademais, están controlados o da parroquia de Ramil (375 hectáreas), no concello de Palas de Rei, e o da parroquia de Santa Mariña de Castro de Amarante (40 hectáreas), en Antas de Ulla.

No concello de Rodeiro, en concreto na parroquia de Guillar, un lume controlado mais non extinguido levou por diante unhas 200 hectáreas, e outro foco no Piñeiro (Covelo), tamén controlado, queimou xa 20 hectáreas.

*Información actualizada ás 16.20 horas