Galiza sairá do temporal este sábado e abrirá unha paréntese até a próxima borrasca

Integrantes de Cruz Vermella que participaron na procura da moza ourensá [Foto: @Elelopezf]

As temperaturas máximas aumentarán levemente e as chuvias serán irregulares. Esta sexta feira, o temporal saldouse con múltiples incidencias, a máis grave, a desaparición dunha moza ourensá de 22 anos na praia de Riazor.

Unha moza ourensá de 22 anos foi arrastada océano adentro por un golpe de mar durante a madrugada da sexta feira. Sucedeu na beira da auga, na praia de Riazor. Efectivos do corpo de bombeiros, Garda Civil e a Cruz Vermella -por volta de 50 en total- traballaron durante todo o día na súa procura, sen resultado positivo até o momento.

 

Foi a incidencia máis reseñábel dunha sexta feira caracterizada polas baixas temperaturas e as chuvias xeneralizadas en todo o país. De acordo con dados de Portos do Estado recollidos por Europa Press, as ondas alcanzaron alturas de 5 metros en distintos pontos da costa coruñesa.

 

As precipitacións foron en forma de neve en non poucas zonas do país. A maior afectación produciuse na autovía A-54, que tivo que ser cortada entre os quilómetros 5 e 15.

 

Esta fin de semana -de acordo coas previsións de Meteogalicia- será unha sorte de paréntese entre este temporal -un elo nunha longa cadea de fenómenos atmosféricos semellantes producidos nas últimas semanas, cicloxéneses incluídas- e a próxima borrasca, que se desataría a vindeira segunda feira.