A Galiza abeira os 2.000 casos activos após rexistrar 295 contaxios novos

Un home e unha muller camiñan por unha rúa do Grove, que fica no nivel máximo de restricións (Foto: Beatriz Ciscar / Europa Press).
Os pacientes hospitalizados pola Covid ascenden a 59, 11 máis que hai unha semana

A Galiza roza os 2.000 casos activos e case duplica as infeccións por coronavirus rexistradas hai unha semana.

Segundo o último balance facilitado pola Consellaría de Sanidade, hai 1.975 persoas con Covid, 982 máis que a pasada sexta feira. Entre as seis da tarde da pasada cuarta feira e a mesma hora desta quinta feira, o Sergas detectou 295 novos contaxios, 41 máis que a xornada anterior e 172 máis que hai sete días.

As persoas hospitalizadas por este coronavirus ascenden a 59, cinco máis que o último día e 11 máis que hai unha semana. Do total, mantéñense 12 persoas ingresadas en UCI pola Covid e aumentan a 47 as hospitalizadas noutras unidades, cinco máis, mentres que 1.916 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Case 2.000 infeccións

A Galiza acumula 19 xornadas consecutivas de aumento de casos activos de Covid-19, que ascenden a 1.975, 982 infeccións máis que as 993 rexistradas hai unha semana.

De novo as infeccións activas ascenden nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Ourense á cabeza (+78), seguida da de Vigo (+70), Lugo (+30), A Coruña e Cee (+16), Santiago e Barbanza (+15), Pontevedra e O Salnés (+14) e Ferrol (+3).

Con máis casos continúa a área de Ourense, con 490; seguida da de Vigo, con 430; A Coruña, con 383; Lugo, con 200; Santiago, con 182; Pontevedra, con 170; e á cola mantense a de Ferrol, con 120.

Segundo os datos actualizados na tarde desta quinta feira polo Ministerio de Sanidad, a Galiza conta cunha incidencia a 14 días de 66,07 casos por 100.000 habitantes, fronte os 104,29 da media do Estado.

Case 300 casos novos

Os novos contaxios de Covid-19 duplícanse con respecto a hai unha semana e ascenden a 295 , dos cales Ourense suma 88; Vigo, 81; A Coruña, 39; Lugo, 35; Santiago, 22; Pontevedra, 20, e Ferrol, 10.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, repunta a 7,34%, de forma  que supera por segunda vez en tres días o limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

Falecementos

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia  mantéñense en 2.661.