Galiza rexistrou 5.875 novos contaxios por coronavirus desde finais de xullo

A Xunta non facilita datos dos test con anticorpos positivos (Foto: Ricardo Rubio / Europa Press)
O incremento desta quinta feira con respecto a onte sitúase en 305 casos. Ao falar de casos activos a cifra ascende a 3.991 nas sete áreas sanitarias, pois en todas subiu o número de diagnósticos positivos.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou esta quinta feira da existencia de 3.991 casos activos de doentes con coronavirus na Galiza. A última actualización reflexa un crecemento de 305 contaxiados en tan só 24 horas.

Dado que a Xunta fai o desconto das persoas que son dadas de alta, non amosa a realidade total da pandemia a diario. Ademais, desde finais do mes de xullo (desde o día 27, cando as cifras andaban baixas xusto antes dos gromos e após fechar a problemática da Mariña) o virus propagouse entre 5.875 galegas e galegos.

Deste cómputo global, houbo que certificar o falecemento de 32 persoas e tramitáronse 1.852 altas de xente que superou a enfermidade.

No entanto, nin sequera desta maneira hai un reflexo completo dos efectos da Covid-19 na Galiza, dado que o Sergas non facilita cifras dos test que dan positivo en anticorpos pero sen síntomas relacionados.

Con independencia de análises máis profundas, só entre onte e hoxe notáronse subidas de pacientes nas sete áreas sanitarias. Os ascensos máis pronunciados foron nas demarcacións da Coruña e Cee e Vigo.

A primeira continúa a ser a que ten un maior número de diagnósticos positivos, máis aínda cos últimos 38. Chégase xa a 1.425 doentes. En Vigo confirmáronse 33 contaxios novos, sendo xa 302 os activos.

Na zona de Lugo hai 798 casos activos (12 máis); na de Ourense son 386 (24 a maiores); na de Pontevedra alcanzan os 271 (21 máis); na de Santiago sitúanse nos 659 (outros 15); e na de Ferrol constan 150, tan só un caso máis. Ademais, o número de cidadás hospitalizadas subiu até as 174 (catro máis), das que 15 están a ser atendidas na UCI.

A actualización desta quinta feira, que toma os datos da tarde de onte, revela que se levan practicadas 349.050 probas PCR, o que implica 5.039 máis que hai 24 horas.