A Galiza rexistrou 4.703 denuncias por violencia de xénero no último ano

Concentración en repulsa do asasinato de Mila Marchetti, o pasado 18 de marzo, en Ourense. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
A Galiza rexistrou 4.703 denuncias por violencia de xénero en 2021, 1.375 menos que na anualidade anterior. A maioría, concretamente 81,8%, teñen a súa orixe en atestados policiais con denuncia das vítimas. Nesta dirección, o colectivo de mulleres entre 25 e 44 anos concentra 57,7% do total dos casos de violencia.

A Lei 1/2004 de decembro, de medidas de protección integral contra a violencia de xénero, define a violencia de xénero como a manifestación da discriminación, a situación de desigualdade e as relacións de poder dos homes sobre as mulleres, que se exercen sobre estas por parte de quen sexan ou teñan sido os seus cónxuxes, ou de quen están ou teñan estado ligados a elas por relacións similares de afectividade, aínda sen convivencia, e comprende todo acto e violencia física e psicolóxica, incluídas as agresións á liberdade sexual, as ameazas, as coaccións ou a privación arbitraria de liberdade.

A lexislación estatal diferencia entre violencia de xénero e violencia doméstica, reservando esta segunda categoría para todo acto de violencia física ou psicolóxica exercida tanto por homes como por mulleres, sobre calquera persoa enumerada no artigo 173.2 do Código Penal, agás os casos específicos de violencia de xénero. Neste sentido, a Lei 1/2004 sitúa dentro desta última o delito de lesións, grave ou leve en función da necesidade de tratamento médico, o delito de malos tratos, aplicado sempre como consecuencia da agresión e o delito de ameazas.

Denuncias por violencia de xénero no último ano

As denuncias por violencia de xénero en 2021 caeron a 4.703. 125 foron presentadas directamente pola vítima; unha por familiares da vítima; 3.845 foron resultado de atestados policiais con denuncia da vítima; 98 foron resultado de atestados policiais con denuncia de familiares; 348 foron resultado de atestados policiais, con intervención directa policial; 213 foron consecuencia do recollido nos partes médicos de lesións e 73 foron formuladas polos servizos de asistencia das diferentes administracións.

Nesta dirección, significáronse as denuncias presentadas como resultado de atestados policiais con denuncia da vítima, que representaron 81,8% do total.

O informe do Observatorio contra a Violencia Doméstica e de Xénero do Consello Xeral do Poder Xudicial (CXPX) para 2021 sinala que a Galiza e Castela e León rexistraron a taxas máis baixas de vítimas de violencia de xénero do Estado, con 44,5 e 42,6 casos por cada 100.000 mulleres. Asemade, a media do Estado situouse en 66 casos por cada 100.000 mulleres e as Illes Balears colocouse á cabeza con 103 casos por cada 100.000 mulleres.

Os datos achegados pola Delegación de Goberno do Estado na Galiza para 2021 presentaron  importantes modificacións en relación con 2020. Así, nese exercicio as denuncias presentadas situáronse en 6.078, 22,6% máis que este ano, marcando 7,4% menos que en 2019. A este respecto, en 2020, 78 foron presentadas directamente pola vítima; 20 por familiares da vítima; 4.811 foron resultado de atestados policiais con denuncia da vítima; 89 foron resultado de atestados policiais con denuncia de familiares; 647 foron resultado de atestados policiais, con intervención directa policial; 289 foron consecuencia do recollido nos partes médicos de lesións e 144 foron formuladas polos servizos de asistencia das diferentes administracións.

O ano pasado ditáronse na Galiza 1.784 ordes de protección, 1.710 a instancia da vítima e 68 a proposta da Fiscalía. A este respecto, a Estatística de violencia doméstica e violencia de xénero, elaborada polo Instituto Nacional de Estatística (INE), indica que 1,6% das vítimas de violencia de xénero con ordes de protección ou medidas cautelares son persoas menores de 18 anos e 12,3% mulleres con idades comprendidas entre 18 e 24 anos. Ao tempo, 14% das vítimas de violencia de xénero son mulleres menores de 25 anos, 57,7% mulleres de entre 25 e 44 anos, 20,7 % mulleres entre 45 e 64 anos e 7,6% mulleres maiores de 64 anos.

Asasinatos

Unha muller faleceu en 2021 a consecuencia da violencia de xénero, tres menos que no ano anterior. Segundo a información fornecida polo Ministerio de Igualdade, “no conxunto do Estado o número de mulleres vítimas mortais por violencia de xénero ascendeu a 47, das que 25 son de nacionalidade española e 22 son mulleres estranxeiras”. Neste sentido, a taxa de mulleres asasinadas por millón de mulleres de 14 e máis anos situouse na Galiza en 0,4, estando esta ratio en 1,1 no conxunto estatal.

Violencia doméstica

195 varóns, 31 máis que no ano anterior, foron condenados por sentenza firme en instancias xudiciais en 2021 por violencia doméstica. Atendendo ao tipo de infraccións penais imputadas ao denunciado, na Galiza a maioría son de lesións, torturas e integridade moral e ameazas.