A meirande parte dos 2.490 abortos voluntarios rexistrados en Galiza en 2020 foron en centros privados

Faixa feminista polo dereito ao aborto

Un total de 204 menores de 20 anos, a maioría de 19, interromperon o seu embarazo, a maioría en hospital público e antes das 8 semanas.

A taxa de interrupcións voluntarias do embarazo (IVE) en Galiza encadea dez anos de descensos e situouse en 5,71 por cada 100.000 habitantes en 2020. Con datos pechados dese ano, segundo o informe do Ministerio de Sanidade feito público esta terza feira, e recollido por Europa  Press, a Galiza contabilizou 2.490 abortos, un 13,% menos que en 2019, cando esta cifra foi de 2.868.

En 2011, Galiza presentaba unha taxa de interrupcións do embarazo do 7,76 por cada 100.000 habitantes, mentres que a actual, de 5,71 por cada 100.000 habitantes, coloca o país coa metade da que ten o conxunto do Estado (10,33). Ademais, as 2.490  IVE contabilizadas supón o 2,8% das 88.269 de toda España.

Das 2.490, un total de 2.285 interrupcións realizáronse en centros  extra hospitalarios e, delas, 1.868 en centros privados. En hospitais públicos só levaron a cabo 147 das interrupcións que levaron a cabo en 2020 de forma voluntaria, aínda que maioritariamente a información obtida conséguese nun centro sanitario público (1.539 casos do total).

Concretamente, comunicaron interrupcións de embarazado os seguintes centros: Clínica Arce,  Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS), Clínica O Pasaxe; Centro de Orientación Familiar ( COF) Lugo Praza de Ferrol;  COF Ribadavia,  COF Carballiño,  COF Novoa Santos, Hospital de Verín e Hospital Comarcal de Valdeorras; Hospital Montecelo, Clínica  Climent,  COF do Insalud (Vigo).

A maioría dos abortos practicáronse antes de que se cumprisen as oito semanas de xestación (1.879), mentres que 534 realizáronse entre as 9 e as 14 semanas. Ademais, 76  IVE levaron a cabo entre as 15 e as 22 semanas de embarazo e un despois da 23.

O estudo do informe tamén desvela que 1.008 mulleres que acudiron a interromper o seu embarazo conviven con fillos e en parella, mentres que 831 non viven con descendencia e ademais fano soas no seu fogar. Do total, a maioría, 1.289 teñen estudos de Bacharelato e ciclos de FP equivalentes, 566 estudos de ESO e 503 estudos universitarios.