Galiza rexistra un total de 359 casos activos por coronavirus

As últimas cifras por coronavirus na Galiza [Carlos Sánchez | Europa Press].
Ás portas da nova normalidade, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 359

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informa que, na última actualización, enviada esta mañá, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 359, deles 108 son da área da Coruña, 22 da de Lugo, 28 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 147 da área de Vigo, 34 da de Santiago, e 12 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 7 están en unidades de hospitalización e 352 no seu domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, na Galiza contan cun total de 10.476 persoas curadas, e rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 157.075.

Na xornada de onte non se rexistraron falecementos en centros residenciais. Os datos de centros residenciais de servizos sociais corresponden aos que achegan con carácter diario os propios centros.

Recomendacións

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade volven reiterar as recomendacións consensuadas entre as comunidades autónomas e o Ministerio de Sanidade, e lembran que, en liñas xerais, aconséllase adoptar as medidas de autoprotección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe. Así, extremarase a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano -preferentemente desbotábel- ao tusir ou esbirrar, ou se non se dispón de pano, na cara interna do cóbado. Ademais, evitarase tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans.