Perto de 200 persoas afectadas por COVID-19 na Galiza

Na Galiza realizáronse até o momento un total de 1.390 probas de coronavirus [Imaxe: Arquivo].

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade informou este domingo que as persoas infectadas por coronavirus na Galiza ascenden xa a 189, 36 máis que no último boletín oficial, anunciado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, a pasada noite de sábado.

Os novos datos foron publicados polo Goberno galego no mediodía do domingo, mentres que Feixoo permanece reunido por videoconferencia co presidente do Goberno, Pedro Sánchez, e o resto de presidentes das demais comunidades autónomas para abordar o estado de alarma que se declarou en todo o Estado español.

189 casos positivos 

Estes 189 casos positivos (195 segundo o Ministerio de Sanidad) anunciáronse despois de que esta madrugada o Sergas confirmase o segundo falecido na Galiza, un home de 81 anos con patoloxías previas e ingresado no Hospital Montecelo de Pontevedra.

Por ámbitos territoriais, 72 dos infectados pertencen á área da Coruña, 36 a Vigo, 27 a Santiago de Compostela, 22 a Ourense, 18 a Pontevedra, 9 a Lugo e 5 a Ferrol.

Os 189 infectados dos que informa a Consellaría de Sanidade non contemplan a cifra acumulada que reflicte a do Ministerio de Sanidade, que suma os casos positivos que existen na actualidade ao número de falecidos e ao de altas médicas. Neste último caso, o dato galego ascendería a 195 (os 189 máis o catro altas médicas e dous falecidos).

Segundo os números do Sergas, oito dos pacientes permanecen na UCI, mentres que 33 están en unidades de hospitalización e 148 persoas reciben atención no seu domicilio.

Por outra banda, rexistráronse catro altas de persoas que sufriron a enfermidade e recuperáronse no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña (CHUAC).

2 falecementos

Os dous falecementos que se rexistraron até agora corresponden ao home de 81 anos de Pontevedra, anteriormente mencionado, e unha muller de 92 anos que morreu con coronavirus, pero xa sufría outras patoloxías e estaba ingresada en Vigo, no Hospital Povisa.

No novo boletín da Consellaría de Sanidade tamén se informou que até agora na Galiza realizáronse un total de 1.390 probas de coronavirus.