A Galiza rexistra outros 500 novos contaxios da Covid e roza os 4.000 casos activos

Unha mostra dunha PCR. (Foto: Nós Diario)

A Galiza rexistra por segunda xornada consecutiva 500 novos contaxios de Covid-19 e os casos activos elévanse a 3.970 -case 400 máis que o día anterior-, mentres que as hospitalizacións ascenden a 107 -dúas máis-. A taxa de positividade sitúase en 7,7%.

Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta quinta, aumentan a 13 as persoas ingresadas en UCI pola Covid na Galiza -unha máis- e a 94 as hospitalizadas noutras unidades -unha máis-, mentres 3.863 permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en tres: Vigo, Ferrol e Pontevedra-O Salnés; alíviase nas da Coruña-Cee e Santiago-Barbanza, mentres que se mantén na de Ourense e na de Lugo, que segue con cinco pacientes Covid en unidades convencionais de hospitalización e mantense sen ingresados en UCI.

Na área de Vigo mantéñense dous pacientes Covid en UCI, pero aumentan a 22 os ingresados noutras unidades -catro máis-; mentres que na de Ferrol segue un en críticos e soben a 13 os doutras unidades -dous máis-.

Tamén na de Pontevedra e O Salnés continúa un paciente Covid en UCI e aumentan a 10 os hospitalizados noutras unidades -dous máis-; e na de Ourense descenden a dous os ingresados en críticos -un menos- e aumentan a 25 os que hai en planta -un máis-.

Por contra, na área da Coruña e Cee aumentan a catro os pacientes Covid en UCI -un máis- e descenden a 14 os que hai noutras unidades -catro menos-, mentres que na de Santiago e Barbanza, aínda que se incrementan a tres o críticos -un máis-, baixan a cinco os ingresados en planta -catro menos-.

Case 4.000 casos activos

A Galiza roza os 4.000 casos activos da Covid tras rexistrar un novo ascenso por vixésimo sexta xornada consecutiva até os 3.970, que constitúen 397 máis, ao haber máis contaxios (500) que altas (103). A sexta pasada, 19 de novembro, había 1.975 infeccións, polo que se rexistran 1.995 máis.

As infeccións activas ascenden de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+149), seguida da de Ourense (+72), A Coruña e Cee (+54), Pontevedra e O Salnés (+44), Lugo (+37), Santiago e Barbanza (+29) e Ferrol (+12).

Con máis casos colócase a de Vigo, con 1.067; seguida da de Ourense, con 1.008; A Coruña e Cee, con 587; Lugo, con 406; Santiago e Barbanza, con 357; Pontevedra e O Salnés, con 342; e á cola continúa á de Ferrol, con 203.

Segundo os últimos datos actualizados na tarde da pasada quinta feira polo Ministerio de Sanidade, a Galiza conta cunha taxa a 14 días de 133,91 casos por 100.000 habitantes, fronte aos 120,7 da xornada anterior, mentres que a media do Estado ascende a 160,15.

Outro medio milleiro de contaxios

Os novos contaxios ascenden a 500 esta sexta, após os 506 da quinta, despois de situarse en 378 a cuarta, descender a 237 a terza e iniciar esta semana con 270. A sexta anterior -19 de novembro- houbo 295 e a cifra máis baixa desde que a Galiza entrou en niveis de 'nova normalidade' rexistrouse o 11 de outubro, cando houbo 14.

Segundo os datos actualizados pola Consellaría de Sanidade, desde o inicio desta crise sanitaria efectuáronse 2.975.235 PCR na Galiza, que supoñen 5.125 máis que as rexistradas até o día anterior e case 300 menos que as realizadas a xornada pasada.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, descende lixeiramente ao 7,77% tras aumentar ao 7,94% esta quinta, situarse no 6,62% a cuarta, nun 6% a terza e comezar esta semana co 7,94%. Mantense, así, por encima do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas coa Covid-19 desde o inicio desta pandemia no conxunto da Galiza ascenden a 2.665, ao notificar esta quinta a Consellaría de Sanidade unha vítima.