Galiza rexistra cinco novos falecementos con Covid-19

Traballadores da sanidade nunha ambulancia (Foto: Europa Press)

Nas últimas horas rexistráronse cinco novas mortes con coronavirus na Galiza. Ademais, chegou a Vigo o pesqueiro galego cun caso confirmado de Covid-19 a bordo e varios posíbeis, e ao que Irlanda denegou auxilio.

As autoridades galegas informaron esta terza feira, 3 de agosto, doutros cinco falecementos rexistrados nas últimas 24 horas, o que eleva a 2.479 as vítimas mortais ligadas á pandemia na Galiza.

En concreto, a Consellaría de Sanidade informou de tres mortes máis con covid-19 rexistradas na segunda feira, 2 de agosto: unha muller de 84 anos no Hospital Quirón da Coruña, unha muller de 81 no Complexo Hospitalario Universitario de Santiago (CHUS) e un home de 84 anos de idade no Complexo Hospitalario Universitario de Ferrol (CHUF).

Esta terza 3 de agosto rexistráronse ademais as mortes de dúas mulleres -unha de 74 anos no Hospital Universitario Lucus  Augusti, en Lugo; e outra de 86 anos de idade no centro vigués de Povisa-.

Casos activos en residencias

Aliás, segundo informaron este 3 de agosto as consellarías de Política Social e de Sanidade, os casos activos da Covid-19 en usuarios de residencias de maiores aumentan a 32 tras ser detectados seis casos positivos nunha vivenda comunitaria en Alfoz e dous nun centro en Ribadeo. Nas residencias de discapacidade tamén son 32 os casos activos: 31 nunha residencia de discapacidade de Vigo, que suma 10 contaxios máis nunha xornada, e un caso no CAPD de Sarria.

Chega a Vigo o pesqueiro cun caso de Covid ao que Irlanda denegou auxilio

O pesqueiro de capital galego e bandeira británica 'Manuel Laura', cuxa tripulación é maioritariamente da zona do Morrazo, atracou na tarde deste 3 de agosto no porto de Vigo, procedente de Irlanda, de onde, segundo o sindicato CIG, foi "expulsado" tras coñecerse que había un caso positivo de  Covid a bordo.

O barco atracou á primeira hora da tarde na terminal viguesa, onde permanece illado, e a previsión é que toda a tripulación sexa sometida a probas PCR, dado que, á marxe do positivo confirmado, a maior parte dos 12 mariñeiros presentan síntomas compatíbeis coa infección, segundo explicaron fontes sanitarias e do sindicato nacionalista.

A CIG informou de que a tripulación do arrastreiro vacinouse antes de saír cara ao Gran Sol e que, estando xa en plena travesía, un dos seus tripulantes comezou a sentirse indisposto. Segundo denunciou, á súa chegada ao porto irlandés de Castletownbere, as autoridades denegáronlles auxilio, a pesar de que esta obrigación está recollida no Regulamento Sanitario Internacional.

Segundo Xavier Aboi (CIG), estes mariñeiros sufriron "presións, ameazas veladas e suxerencias" por parte das autoridades irlandesas, que lles aseguraron "que non había ambulancias dispoñíbeis nin taxis para casos de  Covid". "Negáronse a prestarlles asistencia médica e o único que conseguiron foi que unha enfermeira subise a bordo a facer unha  PCR, coa que se confirmou o positivo", sinalou.

A CIG denunciou que, finalmente, o barco "foi obrigado a abandonar o porto e iniciou o seu regreso á Galiza", e exixiu á Xunta e ao Goberno estatal que investigue o ocorrido e, no seu caso, adopte medidas tras esta "chantaxe" de Irlanda.