A pandemia disparada no país

Galiza rexistra un máximo histórico de contaxios con 3.100 novos casos nun só día

O número de contaxios marca máximos históricos na Galiza. (Foto:Europa Press).

O número de contaxios volveu a marcar máximos históricos nas últimas 24 horas segundo os dados ofrecidos polo Servizo Galego de Saúde (Sergas). Neste sentido son 3.100 persoas as contaxiadas na última xornada, permanecendo 50 doentes ingresados nas UCI galegas.  

 

Os contaxios volveron a dispararse nas últimas 24 horas. Segundo as cifras achegadas polo Sergas, o maior número de novos casos rexistráronse na área sanitaria da Coruña-Cee con 638 positivos novos, seguido de preto por Vigo con 636 e situándose a continuación Santiago-Barbanza con 545 infeccións nun só día.

A xeografía dos contaxios

O pelotón de cola está encabezado por Ferrol, con 201, colocándose de seguido Lugo-A Mariña-Monforte con 276 e aparecendo xa a certa distancia Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras con 434 contaxios.

A sanidade galega nota cada día con máis intensidade as consecuencias desta situación, atopándose actualmente 50 persoas ingresadas na Unidade de Coidados Intensivos (UCI). Ao tempo, 221 contaxiados e contaxiadas permanecen internados en unidades de hospitalización e 22.078 reciben asistencia na súa casa.

O número total de casos activos por coronavirus na Galiza é de 22.349 persoas, deles 3.828 son da área da Coruña-Cee, 1.740 da de Lugo- A Mariña-Monforte, 2.871 da de Ourense-Verín-O Barco, 3.245 da de Pontevedra-Salnés, 6.398 da área de Vigo, 3.196 da de Santiago-Barbanza e 1.071 da de Ferrol.

Recomendacións do Sergas

Os técnicos da Dirección Xeral de Saúde Pública da  Xunta da Galiza aconsellan á poboación adoptar as medidas de protección e limitación da diseminación do virus común a calquera infección respiratoria, como a gripe.

As autoridades sanitarias chaman a extremar a hixiene de mans, lavándoas frecuentemente, especialmente despois de tusir ou soarse, e cubrirase o nariz e a boca cun pano, preferentemente desbotábel. Neste sentido recomendan evitar  tocar os ollos, o nariz e a boca coas mans

A Consellaría de Sanidade considera importante “procurar unha axeitada ventilación dos espazos interiores optando preferentemente por espazos abertos e tratando de evitar aglomeracións” e chama a manter “a distancia de seguridade e atender ás restricións específicas que se poidan establecer en cada comarca ou concello”.