Galiza rexistra por cuarto día consecutivo máis dun cento de novos casos de coronavirus

Unha sanitaria realiza un test da Covid-19 na entrada dun centro de saúde (Europa Press).
Os casos activos de Covid-19 na Galiza ascenden a 1.158, 105 máis que a xornada anterior. En 24 horas suma 137 novos contaxios. 

Segundo informa a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade o número de casos activos de Covid-19 na Galiza é de 1.158, dos cales 700 son da área da Coruña-Cee, 104 da de Lugo, 78 da de Ourense, 59 da de Pontevedra, 129 da área de Vigo, 46 da de Santiago e 42 da de Ferrol.

Así, nas últimas 24 horas, os casos activos de Covid-19 subiron en todas as áreas sanitarias salvo na de Vigo, con cinco menos. A área da Coruña acumula a maior parte do diagnósticos e suma 82 casos activos máis ca onte; a de Lugo, cinco, ao igual que a de Ourense; as de Pontevedra e Ferrol contan con sete máis cada unha, e catro a de Santiago.

O número de persoas curadas ascende a 11.559, 32 máis ca onte, polo que se deduce que son 137 os novos contaxios rexistrados nas últimas 24 horas, na mesma liña dos 136 de onte.

Do total de pacientes positivos, 44 permanecen en unidades de hospitalización e 1.114 recupéranse no seu domicilio. Na actualidade, incide Sanidade, non hai ningún paciente en UCI.

O número de persoas falecidas é 623, 272 relacionados cos centros residenciais de maiores, onde seguen sen casos activos entre as usuarias mais con catro positivos entre o colectivo de traballadoras. Os dous últimos foron detectados nos centros de Orpea Coruña, en Culleredo, na comarca da Coruña, e DomusVi Barra de Miño, no concello de Coles, na comarca de Ourense.

O número de PCR realizadas é de 277.462.