Galiza rexistra case 6.000 raios nas últimas horas

Raio sobre a Torre de Hércules, na Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)

O país estará toda a xornada do sábado en aviso amarelo por fortes tormentas

As tormentas que manteñen en aviso amarelo durante este sábado a toda a Galiza provocaron case 6.000 raios caídos sobre territorio galego nas últimas horas.

Os medidores de Meteogalicia captaron desde as 22 horas da sexta feira até a primeira hora da mañá do sábado máis de 10.000 raios, dos que 5.800 caeron en terra.

Ademais do aparello eléctrico, as tormentas deixaron ao seu paso fortes precipitacións, en moitos casos, concentradas nun período curto de tempo.

O maior de rexistro de acumulación de choiva foi na Fonsagrada, onde se recolleron 33,2 litros por metro cadrado durante a xornada da sexta feira, 8 de setembro.

Os municipios de Pazos de Borbén (comarca de Vigo), Muíños (Baixa Limia) e Ourense tamén foron algúns dos puntos máis chuviosos con acumulacións por riba dos 25 litros por metro cadrado.

Aviso amarelo por fortes tormentas

Todo o país estará durante gran parte deste sábado en aviso amarelo ante a previsión de fortes tormentas. Así figura no boletín de avisos de Meteogalicia, ente dependente da Consellaría de Medio Ambiente.

Deste xeito, a totalidade da Galiza estará en alerta media por tormentas desde as 12 horas até a medianoite, cando o aviso ficará desactivado.

Para a xornada do domingo agárdase que as tormentas caian concentradas nas comarcas da circunscrición de Lugo, onde haberá de novo un aviso amarelo entre as 15 e as 21 horas.