A Galiza rexistra un 53% máis de condenados por delitos sexuais en 2021

O ano pasado os xulgados e tribunais galegos condenaron 13.549 persoas maiores de idade por 20.500 delitos. (Foto: Xunta da Galiza).
Os últimos datos publicados polo Instituto Nacional de Estatística a partir das sentencias condenatorias firmes dictadas polos tribunais galegos revelan un incremento das persoas condenadas e dos delitos cometido no territorio en 2021. Os sentenciados por delitos sexuais subiron 53%.

O número de persoas condenadas por delitos sexuais na Galiza en 2021 incrementouse nun 53% con respecto ao ano anterior. Segundo os datos finais publicados onte polo Instituto Nacional de Estatística (INE), referidos ao total de persoas adultas e menores condenadas o ano pasado con sentenza firme, na Galiza foron castigadas 124 persoas fronte as 81 de 2020. É a cifra máis alta de condenados do último lustro, cunha media de penados por debaixo do cento que só se alcanzou en 2017.

 Na categoría de delitos sexuais, a normativa vixente distingue entre agresión e acoso sexual, unha diferenciación que desaparecerá a partir do 7 de outubro coa entrada en vigor da Lei de garantía integral da liberdade sexual, coñecida como a lei do 'só si é si'. Ademais destes, a lei tipifica outras infraccións sexuais como a violación, o exihibicionismo e a provocación sexual, a prostitución, a explotación sexual e a corrupción de menores.

Os actos que atentan contra a liberdade ou a intimidade sexual das persoas amosaron unha tendencia á alza en 2021 en todas as figuras delictivas, un incremento que segundo datos do Ministerio de Interior se estende á primeira metade de 2022.

Nos primeiros seis meses do ano a Galiza rexistrou un total de 377 delitos sexuais, o que supón unha repunta de 16,4% en comparación co mesmo período de 2021. Son en todo caso, cifras relativas ao Balance semestral de Criminalidade de 2022, provisionais, que o Goberno relaciona coas "activas políticas de concienciación social que provocaron unha maior disposición das víctimas a denunciar, reducindo os niveis de infradenuncia que poden existir nestes tipos penais".

Delitos sexuais

Os datos que vén de publicar o INE  son definitivos a partir das sentenzas condenatorias firmes dictadas por xulgados e tribunais. No conxunto do Estado, as estatísticas rexistraron en 2021 un total de 3.196 condenados adultos por delitos sexuais, un 34,6% máis que o ano anterior, e 439 menores, un 12,6% máis que en 2020.

Polo que se refire ao número de delitos cometidos polas persoas condenadas, a cifra total ascende a 4.569, dos cales 3.960 corresponden a adultos, 35,5% máis, e 609 a menores de idade, cun incremento de 27,7% a respecto do ano anterior.

Destacan os 1.556 delitos de abuso sexual cometidos pola poboación maior de 18 anos condenada, así como as 491 agresións sexuais, das cales, 46 foron consideradas violación. Ademais, os tribunais penaron 738 de delitos de abuso e agresión sexual a menores de 16 anos, así como 592 casos de prostitución e corrupción de menores. 

A maioría das infraccións sexuais cometidas polos máis novos foron de abuso e agresión contra menores de 16 anos, 291, ás que se sumaron 176 de abuso sexual, 66 de prostitución e corrupción de menores e 55 agresións sexuais, das cales tres foron consideradas violacións.

No caso da Galiza, o número de delitos de natureza sexual cometidos polas persoas condenadas nesta categoría en 2021 foi de 145, un 46,5 % máis que en 2020, cando se rexistraron 99 delitos contra a liberdade e a intimidade sexual.

As estatísticas do INE recollen, ademais, o número de penas impostas no territorio galego relacionadas con delitos contra a liberdade e a intimidade sexual. Foron 478, 177 máis que en 2020, o que supón un incremento de 58,8%.

Penados na Galiza

Durante o ano 2021 foron inscritas no Rexistro Central de Penados 282.210 persoas adultas condenadas, segundo as sentenzas firmes ditadas e comunicadas pola Xustiza en todo o Estado. 

Na Galiza foron sentenciadas 13.549 persoas maiores de 18 anos, 2.512 máis que o ano anterior, o que supón un 22% máis, unha cifra que deixa unha taxa de pensados de 5,9 persoas por cada 1.000 habitantes maiores de idade.

O número de delitos cometidos incrementouse con respecto a 2020 un 31,6% ao sentenciar os  tribunais 5.000 delitos máis, en total, 20.500. Con todos, a taxa de infraccións cometidas sitúa a Galiza por baixo da media estatal. É o cuarto territorio pola cola con 8,9 delitos por 1.000 habitantes de máis de 18 anos, lonxe dos 18 de Ceuta e Mellilla ou os 12 das Illes Balears que encabezan a lista e a case dous puntos da media do Estado (10,5).

Os furtos e as estafas xa supoñen máis da metade dos delitos que se cometen no país, que se incrementan nun 38%.

Destacan tamén os delictos contra a seguridade viaria. En 2021 foron 5.888 fronte os 4.715 do ano anterior, o que apunta un incremento de 24,8%, que se mantén, advertiu a Comisión autonómica de Seguridade Viaria, nos primiros meses de 2022.