Galiza rexistra en cinco anos até 326 delitos contra fauna protexida

Corpo dun lobo envelenado na Galiza. (Foto: Europa Press)
Un total de 326 delitos foron rexistrados na Galiza contra a fauna silvestre nestes cinco anos, convertendo así o país no cuarto territorio do Estado español con maior número de crimes nesta categoría, só superado por Estremadura, Castela-A Mancha e o País Valencià.

A recente investigación realizada pola organización non gobernamental World Wide Fund for Nature (WWF, Fundación Mundial para a Natureza) en colaboración co Centro Internacional de Estudos de Dereito Ambiental e o Instituto de Estudos Sociais Avanzados, entre outras entidades, apunta que entre os anos 2018 e 2021 rexistráronse na Galiza até 326 delitos contra a fauna silvestre e protexida. Este número pon a Galiza como o cuarto territorio do Estado español con máis delitos deste tipo. Tan só Estremadura (771 casos), Castela-A Mancha (554) e o País Valencià (445 delitos) superan os datos do país.

Crimes

O mencionado estudo recolle que menos de 7% dos crimes contra as especies silvestres no conxunto do Estado foron xulgados durante eses cinco anos. A maioría dos casos quedaron sen resolver ou se trataron por vía administrativa. Concretamente, dos 4.902 casos rexistrados, só 327 obtiveron sentenza xudicial, é dicir, 6,67% do total. Ademais, ao redor de 20% das 327 sentenzas foron absolucións. No que atinxe á Galiza, indícase que houbo oito xuízos por este tipo de delitos e todos eles foron pola vía do penal.

Envelenamento

A organización non gobernamental World Wide Fund for Nature tamén ten un estudo sobre o impacto do uso de cebes con veleno sobre a fauna salvaxe. Neste caso, o informe abrangue desde o ano 1992 até 2017 e nel recóllense 300 casos deste tipo na Galiza que terían afectado 540 animais de diferentes especies. Entre estes casos hai 19 falecementos de lobo ibérico ao longo do territorio galego como consecuencia desta práctica: nove rexistráronse na provincia de Ourense, cinco na de Pontevedra, catro na Coruña e un na de Lugo.

Hai, a maiores, un caso na Galiza de lobo envelenado no que non se especifica a provincia.  Aliás, entre as especies máis afectadas no territorio galego por esta práctica está outra especie: o can. Neses anos houbo un total de 386 casos de envelenamento de cánidos na Galiza por estes cebos, destacando en cantidade de casos as provincias de Pontevedra (167 casos rexistrados) e a da Coruña (129).

Descoñecemento

Non se dispón dunha base de datos pública a nivel estatal que recolla todos os datos sobre a mortalidade ilegal de especies silvestres e fauna protexida nos territorios que o conforman, o que dificultou considerabelmente obter datos sobre este tipo de delitos, inciden desde as entidades responsábeis do informe.

Os delitos contra a fauna e a flora silvestres provocan unha redución significativa da biodiversidade e poden conducir á extinción de especies animais e vexetais en Europa a pesar da existencia dun marco normativo composto por diferentes convenios internacionais e instrumentos xurídicos da Unión Europea. Debido á magnitude do problema, apuntan as organizacións ambientalistas, existe a necesidade urxente de mellorar a aplicación das leis e de levar a cabo unha persecución eficaz para contrarrestar os delitos contra a vida silvestre.


A riqueza da biodiversidade galega, baixo a ameaza

Os datos son alarmantes. A biodiversidade está a diminuír a un ritmo sen precedentes en todo o planeta, tal e como recolle o informe da Plataforma Intergobernamental de Ciencia e Política sobre Biodiversidade e Servizos dos Ecosistemas (IPBES) publicado en 2022. Elaborado por 145 expertos de 50 países durante os últimos tres anos, o informe eleva a un millón as poboacións en perigo de desaparecer nos vindeiros 50 anos en todo o planeta.

O Catálogo Galego de Especies Ameazadas data de 2007, con actualizacións en 2011 e 2014. Inclúe 75 especies en perigo de extinción e 126 consideradas vulnerábeis. Mais desde que se aprobou, "pouco se ten estudado a súa evolución, ou nada", denuncia Adega xu8nto a outras entidades ambientalistas. "A Xunta da Galiza estase a comportar como un cero á esquerda", apostilan.

Segundo a lexislación, contémplase a elaboración de plans de recuperación para as especies en perigo de extinción e plans de conservación para as especies vulnerábeis -que poderían incluír a protección do seu hábitat-. Porén, até hoxe só houbo un plan de conservación para a píllara das dunas e tres plans de recuperación: para o sapoconcho común, a escribenta das canaveiras e o oso pardo. “Catro de 201 que hai no catálogo".