Galiza rexistra 314 casos activos de coronavirus

Test rápido de COVID-19 (Foto: David Zorrakino / EP).

Un total de 10.623 pacientes xa están curados.

Galiza rexistra 314 casos activos de coronavirus, o que supón 2 máis que os comunicados na mañá de onte na información diaria que ofrece sobre a situación da COVID-19 a Consellaría de Sanidade, pero é un menos do total que notificaba pola tarde (315) despois de sumar os novos casos da Mariña.

A Consellería de Sanidade informaba esta segunda feira que, segundo as probas realizadas ata esta mañá, confírmanse outros seis casos positivos de persoas afectadas por covid-19 na comarca de A Mariña, o que eleva a 28 o número total de casos detectados nesta zona pola Plataforma de Vixilancia e Control Epidemiolóxica e polos Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus na Galiza é de 314.

Deles 70 son da área da Coruña, 49 da de Lugo, 21 da de Ourense, 10 da de Pontevedra, 129 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 11 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 310 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI.

Polo de agora, na Galiza hai un total de 10.623 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

O número de PCR realizadas é de 182.174.

Residencias de anciás

Nas residencias de anciás hai un único caso activo, que corresponde a un traballador. En total, houbo 274 falecementos rexistrados nestas instalacións durante a pandemia.