Galiza rexistra 274 contaxios novos e xa ten 25 persoas nas UCI

Vista da residencia DomusVi de Outeiro de Rei. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
As residencias continúan a ser un punto quente da pandemia, con 331 casos activos. No entanto, tamén preocupan outros gromos como o detectado na cidade de Pontevedra.

A última xornada volveu ser grande ascenso para os contaxios por coronavirus, pois estos rondaron os 300. Malia que baixaron en 6 o número de casos activos (son 4.358), a realidade é que 274 persoas máis padecen ou padeceron o virus.

A Dirección Xeral de Saúde Pública concretou que hai 14.434 galegas e galegos curados desde o inicio da pandemia no país. Porén, semella que hai positivos máis virulentos porque as UCI das sete áreas sanitarias atenden xa a 25 doentes.

Ademais entre a recollida de datos da terza feira e de onte déronse tres falecementos, un deles unha usuaria dun centro residencial. Ademais faleceu unha muller de 78 anos que permanecía ingresada no Hospital Álvaro Cunqueiro e que padecía patoloxías previas.

Diferente evolución

Ao tempo que suben as PCR practicadas (xa son 380.003), tamén aumenta o ritmo de contaxios na zona de Pontevedra, na que a partir de hoxe hai novas limitacións estipuladas pola Xunta. Nunha soa xornada houbo 23 pacientes máis, até alcanzar os 402.

Tamén subiu a afección en Ourense en 11 afectadas (473) e en Vigo en 4 (348). A demarcación sanitaria de Ferrol mantívose nas mesmas condicións con 176 casos activos.

A pesar de que A Coruña e Cee seguen encabezando a lista de enfermas con 1.407 produciuse unha baixada de 17 persoas. En Lugo a caída foi de 26 doentes e en Compostela de un.

A realidade nas residencias

Respecto ao balance da Consellaría de Política Social desta quinta feira, o departamento explicou que nas residencias de maiores hai activos 331 casos.

En concreto, 249 das afectadas viven nos xeriátricos e outras 82 traballan neles. Nas últimas 24 horas coñeceuse un novo positivo no cadro de persoal no centro residencial do Incio, que continúa intervido pola Xunta ao igual que o de Outeiro de Rei.

Esta última é a infraestrutura con maior número de positivos: están contaxiados 142 usuarias e usuarios e 24 membros do cadro de persoal.