Galiza rexistra 259 casos activos de coronavirus, aumentando na área de Lugo

Realización de probas do coronavirus en Burela (Imaxe: Carlos Castro / Europa Press)

259 son os casos activos de coronavirus na Galiza, segundo os datos comunicados polo Sergas este sábado 11 de xullo. Un dos positivos permanece ingresado na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo). Outros tres pacientes están en unidades de hospitalización,

Na Galiza hai 259 casos activos de coronavirus notificados, segundo os datos comunicados polo Sergas na mañá deste sábado 11 de xullo. A Consellaría de Sanidade sinala que un dos positivos permanece ingresado na UCI do Hospital Álvaro Cunqueiro (Vigo). Trátase do home que viaxou en autobús de Madrid a Vigo esta semana. Outros tres pacientes están en unidades de hospitalización, catro menos que os comunicados onte. 255 casos positivos permanecen nos seus domicilios.

Dos 259 casos positivos notificados na Galiza, 203 correspóndense coa área sanitaria de Lugo (sete máis que onte), 22 na Coruña (tres menos), Santiago ten 14 (mesmo número que na sexta feira), Vigo ten 10 (seis menos), Ourense conta con con 5 (tres máis, habendo catro infectados en Beariz), Pontevedra ten 4 (mesma cifra que onte), e a área de Ferrol rexistra un caso (un menos ca onte).

Dentro do total de casos rexistrados na Galiza, hai un vinculado con centros residenciais, que se corresponde cun traballador dunha residencia de maiores de Burela. O Sergas comunica que non hai persoas usuarias infectadas.

Pola súa banda, os curados aumentan en 28, até un total de 10.926. A pandemia deixa até o momento 619 persoas falecidas na Galiza, das cales 274 foron de persoas usuarias de residencias. 

Baixan as PCR realizadas

O número de  PCR realizadas até a data na Galiza ascende a 213.244, o que supón 2.595 máis no día de onte. Con todo, esas 2.595  PCR supón unha cifra máis baixa que os tres días anteriores na Galiza, nos que se realizaron 3.114, 3.207 e 2.662 probas.