Galiza rexistra 12.692 casos activos de Covid-19 tras 873 novos contaxios

Cribado para detectar contaxiosa da Covid-19 nunha imaxe de arquivo. (Foto: Rosa Veiga / Europa Press)
Os hospitalizados ascenden lixeiramente a 293, deles 52 en UCI.

Os casos activos de Covid-19 seguen en aumento en Galiza e sitúanse en 12.692 -que supoñen 471 máis que no inicio desta semana-, tras descender lixeiramente os novos contaxios a 873 -case 200 menos que esta segunda feira-, mentres que os pacientes hospitalizados por este coronavirus ascenden a 293 -un máis-. 

Segundo os datos publicados na mañá desta terza feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta segunda feira, aumentan a 52 as persoas ingresadas en UCI pola Covid-19 -tres máis- e descenden a 241 as hospitalizadas noutras unidades -dúas menos-, mentres que 12.399 pacientes atópanse en seguimento nos seus domicilios.

A presión hospitalaria aumenta en catro das sete áreas sanitarias: Vigo, Santiago-Barbanza, Lugo e Pontevedra-Salnés; alíviase lixeiramente nas de Ourense e Ferrol; e mantense sen cambios na da Coruña-Cee.

Os casos activos de Covid-19 aumentan  e sitúanse en 12.692, que representan 471 máis que a xornada anterior ao haber máis contaxios (873) que altas (395), ao que se engaden sete falecementos. A terza feira da semana pasada as infeccións situáronse en 9.028.

As infeccións activas aumentan en todas as áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+173), seguida da de Pontevedra e O Salnés (+70), A Coruña e Cee (+58), Lugo (+53), Ourense e Santiago-Barbanza (+46 cada unha) e á cola Ferrol (+25).

Segundo os último datos actualizados polo Ministerio de Sanidad na tarde desta segunda feira, 13 de decembro, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 444,92 casos por 100.000 habitantes, polo que segue a incidencia por riba da media do Estado español, que está en 381,26.

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 descenden lixeiramente a 873 con respecto ao comezo desta xornada que comezou con 1.070, o que supón 197 menos. A terza feira anterior -7 de decembro, en plena ponte- detectáronse 668.

En canto á taxa de positividade das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, descende lixeiramente ao 10,79% despois de comezar esta semana no 14,82%. Porén, segue por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia aumentan a 2.706, ao notificar este luns a Consellería de Sanidade sete novas vítimas, todas elas con patoloxías previas.