A Galiza rexistra 1.250 novos contaxios de Covid nun só día

Os casos activos séguense a incrementar e son xa 14.797 (Foto: Arxina)
Os casos activos continúan a subir e superaran os 14.000.

Ao cumprirse dez días desde a fin da ponte de decembro e a unha semana do Nadal, a Galiza volve notificar outros 1.250 contaxios por coronavirus, polo que esta cifra volve superar o seu récord e atópase por encima do milleiro por cuarta xornada consecutiva. Deste modo, os casos activos séguense incrementando e son xa 14.797. Con todo, a presión hospitalaria non creceu nas últimas horas, senón que se reduciu.

Así, de acordo cos datos publicados na mañá deste sábado 18 de decembro pola Consellaría de Sanidade, actualizados até as 18 hora da sexta feira, as persoas ingresadas con Covid-19 sitúanse en 270 na Galiza, sete menos que un día atrás. Isto é posíbel porque descenderon a 221 as e os pacientes en planta, nove menos; mentres que subiron a 49, dous máis, as que están en unidades de coidados intensivos (UCI).

Con todo, a presión hospitalaria sobe en catro das sete áreas sanitarias. Na de Vigo, son xa 95 as e os pacientes que requiren ingreso -dous máis-, dos cales 21 están críticos -un máis-. Tamén subiron as hospitalizacións na área de Pontevedra-O Salnés, que contabiliza 47 (+4), das que nove están en UCI (+1); na de Lugo-A Mariña-Monoforte, con 17 (+2), cinco delas en coidados intensivos (+1); e na de Ferrol, con 10 (+1), tres delas en críticos (sen cambios). Mentres, a presión asistencial mantense na área de Santiago-Barbanza, que ten 21 ingresados, 20 en planta (+1) e só un na UCI (-1). Hai dúas áreas nas que baixan as hospitalizacións. É o caso da de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, onde hai 51 ingresados (-10), dos que cinco están en coidados intensivos (+1); e a da Coruña-Cee, con 29 (-6), cinco deles (-1) críticos.

Máis de 14.700 casos

Os casos activos de Covid-19 continúan en ascenso a menos dunha semana da Noiteboa e sitúanse en 14.797 nos datos deste sábado. Isto débese a que Sanidade detectou máis contaxios (1.250) que altas (795) nun día, ao que se engaden catro falecementos.

As infeccións activas ascenden en todas as áreas sanitarias fóra da de Ourense-Verín-O Barco de Valdeorras, onde descenderon en 85, até as 2.712 en total.

No lado oposto, a de Vigo é a que rexistrou o maior incremento de pacientes Covid, até os 4.743 en total (+182). Séguea a de Santiago-Barbanza, que sobe a 1.372 (+124); e a da Coruña-Cee, con 2.216 casos activos (+118). A área de Pontevedra-O Salnés contabiliza 2.250 pacientes Covid (+35); a de Lugo-A Mariña-Monforte, con 949 (+58); e a de Ferrol, con 555 casos activos (+19).

Mantéñense os novos contaxios

Os novos contaxios mantéñense por cuarta xornada consecutiva por encima do milleiro, ao subir lixeiramente a 1.250, que implican tres máis que os 1.247 do día anterior. É, de novo, a cifra máis alta desta sexta onda da pandemia.

As persoas contaxiadas na Galiza desde o inicio desta pandemia ascenden a 207.053. Segundo os últimos datos actualizados polo Ministerio de Sanidade na tarde do 17 de decembro, Galiza conta cunha incidencia acumulada a 14 días de 511,95 casos por 100.000 habitantes, polo que segue lixeiramente por encima da media estatal, que está en 511 puntos.

As persoas falecidas diagnosticadas con covid-19 desde o inicio desta pandemia na Galiza ascenden a 2.718, ao notificar onte Sanidade tres novas vítimas.