Galiza revólvese nas rúas contra os asasinatos machistas

Concentracións en Ourense, Vigo, Compostela e A Mariña responderon con contundencia aos asasinatos de 7 mulleres no conxunto do Estado. "A violencia ten xénero mais tamén ten cómplices", denunciaron as manifestantes que lanzaron un chamado á sociedade para combater o machismo.

 

"Por que non reaximos como no Gamonal?". Esa era a pregunta que centos de mulleres --e homes-- se facían esta quinta feira nas redes sociais e na rúa após coñecerse o último asasinato machista, desta volta en Tenerife. E suman 7 as mulleres que foron asasinadas pola violencia de xénero en 4 días, cando suman apenas 16 desde que comezou o ano. 

As mostras de rexeitamento social --e tamén institucional-- reperítonse ao longo destes días por todo o país en repulsa polo asasinato, tamén, das dúas mulleres de Cervo. Organizacións feministas, colectivos sociais, formacións políticas, representantes institucionais... tod@s se sumaron aos actos de denuncia pola morte de María José e Adela mais acotío aparecen novos casos que deixan cifras alarmantes sen que os gobernos da Xunta de Galiza --no noso país-- e o Estado español artellen unha verdadeira estratexia de combate face o que o movemento feminista categoriza como "terrorismo machista". 

"Que pasaría se as #7asasinadasen4días fosen homes? Non habería unha 'alarma social' por unha 'onda de violencia'? Mais son mulleres, claro" insistía @FacuDiazT en Twitter. Coma este utente milleiros respondían aos crimes machistas baixo o hastag de #7asasidasen4dias. Un clamor social que se fixo notar nas concentracións de repulsa convocadas por todo o país. 

Centos acudiron en Ourense, Compostela, A Mariña e Vigo ás mobilizacións convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres e que se sumaban ás decorridas na cuarta feira en Ferrolterra, Cervo e Coruña. Baixo o lema "En marcha pola soberanía das mulleres galegas" o movemento feminista reaxiu nas rúas contra a violencia machista. Ao berro de "Ningunha agresión sen resposta" e "Estamos fartas de sermos asasinadas" a Marcha sacou ás rúas a carraxe e indignación social polas 7 asasinadas e lanzou un chamamento á sociedade galega para combater o machismo. Aliás quixeron lembrar que "a violencia ten xénero" mais tamén, sinalaron, "ten cómplices".