Galiza é responsábel de 15% do total das emisións contaminantes a atmosfera do Estado Español

Somos o segundo territorio en emisións de dióxido de carbono e gases de efecto invernadoiro e primeiros en flúor e mercurio.

O Rexistro Estatal de Emisións e Fontes Contaminantes  vén de publicar os dados das emisións correspondentes ao ano 2015 de substancias contaminantes por parte das principais industrias e outras fontes puntuais e difusas. Para Galiza, constátase un aumento das emisións, situándose en 2015 no segundo posto entre as comunidades do Estado, ascendendo dende o cuarto lugar acadado en 2012.

Ramón Varela Díaz, doutor en Bioloxía, experto en contaminación atmosférica e ex-presidente de Adega, subliña que deses datos despréndese que “Galiza é responsábel de 15,08% do total das emisións a atmosfera do Estado Español, con 14.284.312 toneladas/ano ocupando con este valor o segundo posto no conxunto das comunidades”. 

“Estas emisións son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, o número de habitantes, a nosa extensión xeográfica, o noso produto interior bruto e nível de vida...”

Somos, ademais, o primeiro territorio do Estado en emitir a atmosfera: flúor, mercurio e perfluorocarburos e o segundo en emitir dióxido de carbono, gases de efecto invernadoiro, dióxido de xofre, cloro e substancias acidificantes/eutrofizantes/precursoras de ozono. A isto engádese que os vertidos contaminantes á auga de Galiza significan 10,46% do total do Estado con 84.814 toneladas/ano, sendo o cuarto posto no conxunto das comunidades.

“Estas emisións son extremadamente elevadas tendo en conta o número e tamaño da nosa industria, o número de habitantes, a nosa extensión xeográfica, o noso produto interior bruto e nível de vida...”, salienta Varela. Unhas emisións que están a aumentar con relación ao ano 2012 e mesmo a datas anteriores como o ano 2007, previo á crise. 

Grandes industrias

Varela sostén que as grandes industrias instaladas na Galiza, a maioría multinacionais do sector da electricidade (centrais térmicas de As Pontes, Meirama), aluminio (Alúmina-Aluminio de Alcoa), sector do automóbil (Citroën PSA), petróleo (refinería de Repsol), madeira (Ence, Finsa en diversas fábricas, Intasa), ferroaleacións (Ferroatlántica en tres localidades), son as principais responsábeis de que Galiza ocupe un lugar destacado no Rexistro de Emisións Contaminantes no Estado.