Galiza reduce a presión asistencial e rexistra unha leve suba dos contaxios

Persoal sanitario durante o manexo de tests de antíxenos. (Foto: Europa Press).
Os valores da pandemia na galiza manteñen unha tendencia á baixa máis aló das variacións diarias dos novos positivos.

Os novos contaxios da Covid-19 experimentaron unha lixeira repunta até situarse en 85 aínda por baixo do centenar. Pola súa banda, a presión hospitalaria tamén se reduce ao caer a 66 os pacientes ingresados por coronavirus, cinco menos. Os casos activos seguen en descenso e sitúanse en 1.613.

Segundo os datos actualizados esta quinta feira pola Consellería de Sanidade, con rexistros até as 18,00 horas da pasada cuarta, hai 15 pacientes ingresados en UCI na Galiza e descenden a 51 os que permanecen noutras unidades de hospitalización, cinco menos.

Por áreas sanitarias, os pacientes ingresados  descenden nas de Santiago e OBarbanza, Ferrol e Pontevedra e O Salnés; mantéñense na de Vigo; e ascenden levemente nas da Coruña e Cee, Ourense e Lugo.

Casos activos

Pola súa banda, os casos activos de Covid-19 manteñen unha tendencia descendente por décimo novena xornada consecutiva e caen a 1.613 no conxunto do territorioa, 66 menos que o día anterior ao haber máis altas (151) que contaxios (85).

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Santiago e O Barbanza (-31), Vigo (-25), Pontevedra e O Salnés (-15) e Ourense (-2); soben lixeiramente nas da Coruña e Cee (+3) e Ferrol (+4), mentres que se manteñen na de Lugo.

Por tanto, a área de Vigo continúa na cabeza con máis casos activos, 416; seguida da da Coruña e Cee, con 334; Santiago e Barbanza, con 222; Lugo, con 208; Pontevedra e O Salnés, con 171; Ourense, con 162; e Ferrol segue á cola con 100.

Máis contaxios

En canto aos novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba en Galicia repuntaron a 85, 14 máis que a xornada anterior, tras se iniciar a semana con 54, aumentar a 82 a terza feira e baixar a 71 un día despois.

Así, foron confirmados 85 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade. Deles 28 na área da Coruña e Cee; 15 na de Vigo; 11 na de Lugo; 10 na de Santiago e OBarbanza; oito na de Ourense; sete na de Pontevedra e O Salnés; e seis na de Ferrol.

Así, os contaxiados en toda Galicia ascenden a 127.661. Desde o inicio da pandemia Galiza realizou 2.293.810 PCR, que supoñen 4.157 probas máis que as contabilziadas até a xornada anterior e unhas 800 menos que as realizadas un día antes.

En canto á taxa de positividade mantense arredor de 2%, lonxe do limiar de 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que Galicia excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Incidencia acumulada

A incidencia acumulada a sete e 14 días mantense estábel cunha lixeira tendencia á baixa a dúas semanas. Así, a sete días, a incidencia rolda os 21 casos por 100.000 habitantantes, mentres que a 14 días sitúase arredor dos 47.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 no conxunto da Galiza desde o inicio da pandemia ascenden a 2.428, despois de notificar a Xunta esta cuarta feira unha nova vítima.