A Galiza 'esgota' esta terza feira todos os recursos enerxéticos dispoñíbeis para 2023

Refinaría de petróleo na cidade xermana de Schwedt. (Foto: Patrick Pleul / DPA)
"A vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil", explican desde o Ogacli.

A Galiza esgotará esta terza feira, 'Día da Depredación Enerxética', todos os recursos enerxéticos que tería dispoñíbeis para 2023 e pasará a depender o que queda de ano, máis de nove meses, da enerxía fósil importada, tal e como advirte o Observatorio Galego da Acción Climática (Ogacli). A partir dese día, "a vida social e económica do país paralizaríase totalmente de non ser pola importación masiva de enerxía fósil —petróleo, carbón e gas—", sinalan.

Ogacli presentou esta segunda feira o informe 'Día da Depredación Enerxética (2010-2020)', no que calcula o día en que se esgotaron os recursos propios no período 2010-2020. Para iso, usa información oficial sobre os recursos enerxéticos a partir dos que se obtén a enerxía dispoñíbel para o consumo.

Deste modo, apunta que nesta década "non se observou unha tendencia de atraso" do Día da Depredación Enerxética, o que é "reflexo da estabilización no uso total de enerxía", así como do "estancamento no aproveitamento de recursos enerxéticos renovábeis propios". Nesta liña, o informe indica que a enerxía galega renovábel só achegou 19% de toda a usada na Galiza entre 2010 e 2019, un indicador "moi relevante" sobre a transición enerxética e a acción climática.

Así, desde o Ogacli inciden en que o país importou neste tempo até 114 millóns de toneladas de combustíbeis fósiles, "maioritariamente extraídos no sur global á conta de elevados danos socioambientais".

"Atrasarmos rápida e progresivamente o Día da Depredación Enerxética implica diminuírmos á vez a dependencia enerxética, as emisións de gases causantes da crise climática e a exportación ao sur global dos impactos socioambientais asociados á nosa demanda de recursos enerxéticos", subliñan desde o Observatorio.

É necesario para iso, explican, actuar de forma "simultánea e decidida" en tres grandes frontes: "O fin rápido e planificado do sector enerxético fósil, o decrecemento do consumo enerxético galego e o desenvolvemento responsábel das enerxías renovábeis eléctricas e térmicas a todas as escalas".