Saúde

A Galiza recupera a actividade regular de doazóns e transplantes: quen pode ser doante?

Galiza xa realiza extraccións de corazón en asistolia para seren transplantados. (Foto: Nós Diario).
O Chuac e o Chus realizan transplantes de corazón, pulmón, páncreas, fígado e ril.

Hai hoxe 70 anos, 0 26 de decembro de 1953, realizouse en París o primeiro transplante de ril dun doante vivo baixo a dirección do cirurxián francés Jean Hamburger. Esta técnica foi a mesma que puxeron en práctica o 21 de xaneiro de 1981 os especialistas Marcelino González Martín e José García Buitrón no hospital da Coruña. Foi, a un tempo, o primeiro transplante de órganos que se realizou na Galiza. Un mozo de Ferrol recibiu un ril de seu pai que funcionou durante 15 anos.

En 2022 completáronse nos hospitais galegos 151 transplantes de ril, 21 procederon de doantes vivos. Foron os máis numerosos por diante dos 78 de fígado, 398 de pulmón, 26 de corazón e 3 de páncreas. En total 296 transplantes –dous menos que en 2021–de 128 doantes de órganos –16 máis que o ano anterior– que situaron a taxa de doantes da Galiza en 47,6 por cada millón de habitantes.

2019 foi un ano de récord. A Galiza anotou 136 doantes, un 14,7% máis que o ano anterior, un incremento que a Axencia Galega de Sangue, Órganos e Tecidos (ADOS) atribuíu a unha baixada histórica da negativa das familias das persoas falecidas, que descendeu até 13,4%. 

Durante os anos de pandemia esta porcentaxe aumentou até   situarse en 2022 en 18%. Porén, o que máis complicou a actividade referida aos transplantes foi a ocupación das unidades de críticos. "Hoxe a presión hospitalaria non é un impedimento para que poida haber doantes nas UCI e se poidan facer os transplantes. Ao longo de 2023 recuperouse a actividade,  mais non aínda as cifras previas, porque 2019 foi un ano espectacular", lembra a Nós Diario Encarnación Bouzas, coordinadora autonómica de transplantes.

2018 e 2019 rexistraron a mesma marca de transplantes na Galiza: 354, unha cifra que non se vai repetir en 2023 e que o Sergas máis ADOS darán a coñecer nas primeiras semanas de 2024. "Os transplantes non é algo que se poida programar, é a única actividade médica que depende da sociedade. Non se poden facer transplantes se non hai doantes", di Bouzas.

Doantes maiores

Bouzas resta peso ás negativas, que foron no pasado un atranco moito máis serio. "Con formación e máis información diminuíron moito". Ten máis influencia o perfil da persoa doante. A media de idade sitúase hoxe na contorna dos 61 anos. "É xente bastante maior, a diferenza do doante habitual hai dúas décadas. Antes había moitos accidentes de tráfico e morría moita xente nova con boas condicións de saúde, o que permitía dispor de máis órganos en bo estado para podelos transplantar a quen os necesitase".

A entrada en vigor do carné por puntos, en 2006, supuxo un punto de inflexión. Os accidentes diminuíron de forma drástica e con eles o número de doantes –só 3% dos de 2022 morreron por esta causa–. "Agora a maioría dos órganos proceden de persoas que falecen por un accidente cerebro vascular –62%–, nunhas condicións controladas e supervisadas polos profesionais sanitarios". Moi poucas persoas poden chegar a ser doantes, explica Encarnación Bouzas, no sentido, di, "de que hai que morrer nunhas circunstancias moi concretas: nunha unidade de coidados intensivos dun hospital, para preservar o bo estado dos órganos que o persoal médico valora que poden ser transplantados".

Novos fármacos e técnicas

En pouco tempo, os equipos de  transplantes explican ás familias as circunstancias da morte da persoa falecida e interésanse pola súa vontade de ser doante. "É todo moi rápido. O tempo de isquemia, entre que se extrae o órgano até que se implanta, é moi breve". Con todo, advirte Bouzas, as técnicas para a preservación melloraron moito, "o que favorece o traballo dos cirurxiáns mais tamén o correcto funcionamento do órgano nun corpo novo".

Outro dos avances máis salientábeis afecta aos tratamentos inmunosupresores que se lles dá ás persoas transplantadas. Antes eran máis agresivos. Hoxe, son mellores e con menos efectos secundarios, axustábeis ás condicións de cada persoa. "É un dos grandes logros dos últimos 20 anos".

Na actualidade, nas listas de espera figuran doentes de máis idade. As máis longas son as de ril, xa que as persoas que agardan poden botar man da diálise mentres esperan, e tamén porque dar cun órgano compatíbel é máis difícil que noutros casos, que soportan unha espera moito menor.

Malia todo, o progreso tecnolóxico deu con sistemas que permiten aguantar o receptor nunha situación complicada durante máis tempo e consolidou técnicas como as doazóns en asistolia, a corazón parado, ou os transplantes de doantes vivos. 
De cara ao futuro, "os órganos de animais e de laboratorio chegarán. A investigación debe continuar, pero por moito tempo necesitaremos que a xente siga a doar", conclúe Bouzas.

A Galiza suma máis de 3.000 doantes

Desde o inicio do programa de transplantes na Galiza rexistráronse máis de 3.200 persoas doantes e perto de 122.000 persoas posuidoras da tarxeta de doador de órganos. Todos os hospitais contan con equipos de coordinación de transplantes, mais só os da Coruña e Santiago teñen autorización para realizalos.