Galiza recibirá o 4,6% dos 2.000 millóns que reparte o Estado para ensino

O presidente da Xunta en funcións, Alberto Núñez Feixoo, e mais o presidente do Goberno estatal, Pedro Sánchez, nunha imaxe de arquivo.
Galiza recibirá un total de 92,9 millóns de euros dos 2.000 millóns aprobados polo Goberno estatal para repartir entre o ensino público dos diferentes territorios. Representa o 4,6% do total da axuda.

Galiza recibirá un total de 92,9 millóns de euros do 'fondo covid', dotado con 2.000 millóns de euros e que o Goberno estatal transferirá ás comunidades autónomas como investimento no sector da educación. O Boletín Oficial do Estado (BOE) publicou onte a orde, que xa entrou en vigor. A cantidade que adxudicada á Galiza representa 4,6% da axuda total.

Andalucía, Catalunya e Madrid repartiranse a metade deste fondo. A liberación destes recursos farase efectivo antes de finalizar o mes de setembro, aínda que o Goberno de Pedro Sánchez indicou que traballa para que as autonomías reciban estes recursos a inicios da próxima semana.

Para as comunidades do réxime común, o 80% do diñeiro repártese en función da poboación de 0 a 16 anos segundo as cifras do padrón a 1 de xaneiro de 2019. O 20% restante calcúlase pola poboación de 17 a 24 anos, pero ten en consideración o gasto en educación superior.

En concreto, Andalucía recibirá 383,8 millóns de euros, Catalunya 337,4 e Madrid 291,6 millóns. Ao País Valenciá chegarán 214,1 millóns; á Galiza 92,9; a Castela-A Mancha 89; Canarias recibirá 87,3 millóns; Euskadi 87,2 e Castela e León 84 millóns. Así mesmo, Murcia percibirá 73,1 millóns; Aragón 53,4 millóns; Balears 50,2 millóns; Estremadura 43,2; Asturias 32,5; Nafarroa 29,2 Cantabria 22,1 e A Rioxa 13 millóns.

O delegado do Goberno estatal na Galiza, Javier Losada, valorou nun comunicado que esta achega "non xera nin débeda nin intereses" para os galegos e galegas, xa que o Estado, di, asume a totalidade do custo de forma que a Xunta pode destinala integramente á educación pública "no momento decisivo do arranque do curso académico". Sinalou que o Goberno galego poderá dispor deste diñeiro "nuns días".

Feixoo reclamara destinar o diñeiro a outros fins

Cando o Goberno estatal anunciou o reparto de axudas destinadas ao ensino público, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feixoo, expresara publicamente o seu malestar por non permitir o Estado repartir os fondos para outros fins, e non para educación. 

O xefe do Executivo galego non compartía a fórmula de reparto do fondo non reembolsábel, ao entender que supuña unha penalización ás "comunidades autónomas que xestionaron mellor a pandemia" da Covid-19.