Galiza recibe un contundente suspenso en desenvolvemento dos servizos sociais na ‘era Feijóo’

Peches plataforma en defensa dos servizos públicos

O Índice DEC, elaborado por directores e xerentes destes servizos, suspende con claridade a xestión destes anos. En 2010 en Galiza tiñamos un nivel superior á media do estado mais en 2015 ficamos moi por baixo dela.

Galiza suspende en servizos sociais. Unha cualificación que ten a súa importancia, por ser feita polo Índice DEC (Dereitos, economía e cobertura), que elaboran os directos e xerentes de servizos sociais. O estudio mide o desenvolvemento lexislativo, a achega económica e a cobertura dos servizos sociais a través de 26 indicadores. Un traballo rigoroso e no que se percorren e avalían os servizos sociais dos diferentes territorios do Estado español. E Galiza non sae ben parada.

Se a nota media que teñen estes servizos no estado español é do 4,54 en Galiza a cualificación cae até o 2,6, a cuarta máis baixa. E, un dato importante, non sempre estivemos nese nivel. En 2010 tiñamos mellor nota que a medida española: 5,10 Galiza fronte a un 4,72 en España, aprobabamos. Mais a desfeita que tivo lugar nestes cinco anos, nos que gobernou Galiza Núñez Feijóo, fixo que dese aprobado do 5,10 caésemos até o 2,6, perto do moi deficiente. Como foi posíbel isto?

Tesoiradas

Segundo se recolle neste estudio, entre 2011 e 2015 o gasto por habitante nas administracións públicas de Galiza en servizos sociais caeu en máis de 25 euros por habitante. En 2014 tiñamos un gasto neste eido un 18% inferior á media española. Así, o gasto das administracións no noso país nestes servizos era de 252 euros mentes que no estado superaba os 309 euros por persoa.

Unha fenda que tamén se nota se falamos do peso dos gastos en servizos sociais a respecto do PIB, que é en Galiza 1,29% fronte ao 1,38% de España. En 2011 en Galiza ese gasto representaba o 1,39% do produto interior bruto.

O suspenso de Galiza prodúcese nos tres grandes eidos postos baixo a lupa neste estudo. En dereitos e decisión política a respecto dos servizos sociais os expertos e coñecedores puntúan o noso país cun 0,5 sobre 1,5, o que é un claro suspenso. En relavancia económica obtemos un 0,9 sobre 3, un suspenso clamoroso. E, por último, en coberturo destes serviso a nota de Galiza é dun 1,2 sobre 5,5, unha cualificación de moi deficiente.

Destacan os responsábeis do traballo os nosos malos rexistros en certos indicadores, nos que ficamos moi por baixo da media española. Un exemplo son as prazas de residencia de financiamento público para persoas maiores de 65 anos: 1,24 en Galiza fronte 2,3 no estado. Ou na renda de inserción, onde a cuantía que se destina no noso país é máis baixa que a media estatal.