Na Galiza realizáronse dez eutanasias desde a entrada en vigor da lei que a despenaliza

Placa tributo a Ramón Sampedro na praia das Furnas, no concello de Porto do Son. (Foto: Casavella).
A asociación Dereito a Morrer Dignamente pide recoñecer de forma oficial o 12 de xaneiro como Día da Morte Digna na Galiza.

Hoxe fanse 25 anos da morte de Ramón Sampedro, unha figura emblemática na loita polo dereito a unha morte digna. Foi o primeiro en reclamar a eutanasia na Galiza e no Estado. Con el e outras persoas que seguiron o seu exemplo, abriuse o debate sobre o dereito a decidir sobre o final da propia vida, unha conquista ratificada finalmente coa entrada en vigor da Lei orgánica de regulación da eutanasia en xuño de 2021.

"Queremos que o 12 de xaneiro goce de recoñecemento oficial como día da morte digna na Galiza", afirma en declaracións a Nós Diario Isabel Blanco Domínguez, vicepresidenta da asociación Dereito a Morrer Dignamente (DMD).

Desde hai catro anos esta entidade conmemora o Día da Morte Digna coincidindo coa data na que morreu Sampedro. Este ano, por vez primeira, mudan a praia das Furnas pola praza do Obradoiro -13 horas- para avanzar no recoñecemento institucional deste día. "Aínda que sexa algo simbólico sería un paso adiante para poder falarmos de como morremos". Sen tabús nin clixés.

A humanización da morte e ao respecto á dignidade e liberdade das persoas está na base da lei da eutanasia, unha norma "garantista" que dilata os prazos e ao tempo o sufrimento de quen a solicita. "Pode ser mellorábel pero xa é un gran paso adiante e o máis importante é cumprila e non pór atrancos ás súa aplicación.

Un dereito voluntario

Desde DMD censuran que na Galiza non haxa datos oficiais sobre o desenvolvemento da lei da eutanasia desde a súa posta en marcha. "A Xunta xa debera ter publicado a primeira memoria  anual sobre as peticións solicitadas, o tempo que se demoraron, cales foron aceptadas e cales non; pero non hai información". Na asociación ligan este desleixo á falta "dunha clara vontade política para favorecer a aplicación dunha lei de obrigado cumprimento".

A preguntas deste xornal, o Sergas informa que desde mediados de 2021, na Galiza, "aténdense todas as solicitudes de eutanasia, que son estudadas polo Comité creado para tal fin" e que "até o momento realizáronse 10", sen precisar o número total de solicitudes.

Trátase, polo tanto, dun dereito individual e voluntario que se está a tramitar, "ás veces con facilidade e outras con máis atrancos", apunta Isabel Blanco. De media, a prestación da eutanasia tarda en 40 e 45 días desde a súa solicitude, "mais tamén sabemos de casos que se demoraron até cinco meses". Son datos parciais, advirte, aos que acceden en contacto con persoas que acoden á entidade en busca de información.

É a principal demanda da cidadanía ante a falta de coñecemento e formación específica do persoal sanitario, di. "A xente acode aos centros de saúde pero non atopa resposta. O persoal non sabe como son os trámites. Enfermeira, traballadora social, médica... Van pasando de man en man sen que ninguén lles resolva nada".

No arranque da lei é habitual que haxa dúbidas, pero Blanco remarca o desinterese do Sergas por formar o seu persoal. "Só fixo dúas sesións online". Son poucas, di, "e cremos que deberan ser presenciais" ao tratarse dunha demanda nova e cun forte impacto desde o punto de vista emocional. "Cómpre información accesíbel, fácil de comprender para a cidadanía e para o persoal sanitario".

Testamento vital

A eutanasia recoñece o dereito a decidir sobre o final da vida cando as condicións de sufrimento xa non son compatíbeis coa propia dignidade e a solicitar axuda para morrer. É un recurso que "garante o respecto á autonomía e á liberdade da persoa" e non hai que confundilo co testamento vital, di Isabel Blanco.

"O documento de instrucións previas é aquel onde ti plasmas os coidados que queres recibir ao final da túa vida". Convén rexistralo para que sexa parte da historia clínica e poida ser atendido.

A Galiza é o cuarto territorio pola cola en número de rexistros de testamento vital cunha taxa de 5,1 por mil

A Galiza é o cuarto territorio pola cola en número de rexistros cunha taxa de 5,1 por mil, a falta de datos actualizados xa que "non goza de publicidade nin de puntos de rexistro suficientes". Sinala o caso de Lugo como o máis "grave", xa que só dispón dun único punto para a poboación de todas as comarcas, desde A Mariña até a Quiroga.

Neste sentido, Isabel Blanco asegura que "a única forma de que a xente acceda ao testamento vital para indicar como quere ao final da súa vida e que iso sexa respectado é que se coñeza". Por iso reclama unha mellor divulgación así como un aumento dos puntos onde se pode facer rexistro deste documento, por exemplo, "se estivese en todos os centros de saúde, o acceso sería máis doado".